O DOG publica as axudas de 1,5 M€ dirixidas ás empresas galegas de inserción para dar emprego a unhas 170 persoas en risco ou en situación de exclusión social

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade coas que se prevé tamén apoios ao traballo para 14 persoas de nivel técnico ou de dirección das empresas de inserción

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024

  O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dotada con 1,5 millóns de euros para apoiar a contratación de persoas en risco de exclusión social en empresas de inserción, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres anos. A previsión é mellorar as oportunidades dunhas 170 persoas con dificultade para traballar e facilitar o seu camiño de acceso ao mercado laboral ordinario, así como sufragar os custos salariais de 14 persoas de nivel técnico ou directivo nestas entidades de inserción.

Como requisito, as empresas solicitantes deberán ocupar o seu cadro de persoal con cando menos o 30% de persoas en situación ou risco de exclusión social.

A liña de apoios, que se pode solicitar desde mañá e ata o vindeiro 30 de setembro, artéllase en dous programas. Un primeiro (1.355.000 euros), está destinado a incentivar a incorporación destas persoas desempregadas, financiando o custo salarial cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. O segundo (145.000 euros), inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar o persoal técnico de orientación.

O Goberno galego, con esta iniciativa, está a promover as empresas de inserción como recurso para facilitar a incorporación efectiva ao mercado laboral ordinario das persoas en situación ou risco de exclusión social.

As empresas de inserción forman parte da economía social. Son sociedades mercantís ou cooperativas legalmente constituídas que, realizando calquera actividade económica de produción de bens e servizos, teñen por obxecto social a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social como paso previo ao seu tránsito ao emprego ordinario.

A orde que hoxe se publica favorece a promoción de empregos estables e de calidade e impulsa a transición entre a formación de persoas en situación de risco ou exclusión social e a súa incorporación ao mercado laboral. A finalidade é obter un emprego que permita reforzar a situación económica das familias en situación de vulnerabilidade.

Data de actualización: 15/02/2024