Comesaña agradece ao persoal de Saúde Pública o traballo a prol do Observatorio galego que albergará información sanitaria da nosa comunidade

Galicia pon a disposición da cidadanía unha plataforma tecnolóxica que aposta pola integración da información acerca da nosa saúde

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu hoxe o traballo realizado polos profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública, encabezados pola responsable deste departamento, Carmen Durán, a prol do Observatorio galego de saúde pública. Tal e como quedou de manifesto no acto celebrado na Cidade da Cultura, trátase dun portal con información e datos abertos de saúde que está previsto que estea dispoñible para profesionais e cidadáns a partir da vindeira semana.

Para o conselleiro, coa posta en marcha deste observatorio, que contribuirá a mellorar a saúde dos galegos e galegas, o departamento sanitario galego trata de ordenar, agrupar e facilitar o acceso ás distintas fontes de información xa dispoñibles, elaborando os indicadores necesarios que proporcionan intelixencia sanitaria de calidade e relevante acerca da saúde da cidadanía da nosa comunidade.

Entre os contidos que se poderán atopar no Observatorio de Saúde Pública de Galicia están diversos indicadores de interese que miden os resultados en saúde e indicadores de intervencións e programas desenvolvidos no ámbito da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Para ofrecer unha visión detallada da saúde da poboación galega nunha determinada área tamén se establecen os Perfís de Saúde, conformados por 30 indicadores (relacionados cos factores sociodemográficos, sistema de saúde, morbilidade e mortalidade, calidade ambiental e estilos de vida) que foron seleccionados pola súa importancia e relevancia científica sobre asuntos ou problemas claves de saúde.

Outra dos apartados do Observatorio será Atopa Saúde, que establecerá o mapa de activos para a saúde de Galicia, para visibilizar os recursos e as actividades existentes nos distintos municipios galegos, co fin de potenciar a capacidade de actuación das persoas na adopción de estilos de vida saudables.

Polo tanto o Observatorio é máis que un centro onde se recompila información. É unha poderosa ferramenta que nos permitirá comprender mellor as tendencias na saúde, identificar desafíos e oportunidades, e tomar decisións informadas para promover intervencións efectivas.

Tendo como principios o fomento da transparencia, da colaboración e da innovación no ámbito da saúde, o Observatorio permitirá ter acceso a datos actualizados, para traballar xuntos no seu emprego dunha maneira ética e responsable, sempre co obxectivo común de mellorar a saúde e o benestar de aqueles a quen servimos, desenvolvendo estratexias que aborden as necesidades reais da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2024