A Xunta entrega no concello de Narón os títulos da parcelaria de Lago-Meirás-Val, que permitiu aumentar en máis do dobre o tamaño medio dos predios

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá no acto de entrega dos títulos de propiedade aos veciños de Narón propietarios das fincas desta parcelaria, cunha superficie de case 1.190 hectáreas

Esta actuación permitiu pasar de 7.450 parcelas a 3.166 fincas, aumentando a superficie media de 1.594 metros cadrados a 3.750 tras un investimento de algo máis de 3 millóns de euros

Narón (A Coruña), 14 de febreiro de 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entregou esta mañá no Pazo da Cultura os títulos de propiedade aos veciños deste concello coruñés beneficiados pola concentración parcelaria Lago-Meirás-Val.

Este proceso de reestruturación da propiedade abrangueu unha superficie de case 1.190 hectáreas, pertencentes a 2.060 veciños de Narón e Valdoviño -aos titulares deste concello se lle entregaron os títulos a pasada semana-, e permitiu concentrar 7.450 parcelas en 3.166 fincas, incrementando en máis do dobre o tamaño medio dos predios -ao pasar de 1.594 metros cadrados a 3.750-.

Esta parcelaria contou cun investimento de 3,05 millóns de euros para as asistencias técnicas e obras dos camiños principais, secundarios e outras obras complementarias. 

As concentracións parcelarias seguen a ser unha das mellores ferramentas para potenciar o valor das terras. Neste sentido, as novas concentracións contan cunha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Xunto ás concentracións parcelarias, a Lei de recuperación da terra agraria aposta por mecanismos de mobilización voluntaria que permiten unha maior participación dos interesados da explotación das terras. Ferramentas coma os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupación de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2024