A Xunta somete a información pública o proxecto que permitirá habilitar un aparcadoiro disuasorio con 194 prazas ao norte da autovía do Morrazo, en Moaña

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe este proxecto que inclúe a restauración dun vertedoiro utilizado nas obras da autovía, a execución dun estacionamento e a dotación dos ramais de acceso, cun orzamento total de 3,8 M€

Procederase á retirada completa dos materiais que forman o vertedoiro e á restitución ao estado orixinal na parcela situada no punto quilométrico 7+360

Na parcela do punto 4+800 executarase un aparcadoiro disuasorio enmarcado na estratexia de eliminación de vehículos pesados na área de Vigo

No aparcadoiro disporase unha parada de autobús, que posibilitará a definición dunha rede de autobuses lanzadeira cara a Vigo, así como outras poboacións

Tamén se realizará a preinstalación para a implantación dunha estación de servizo

As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao proxecto ata o 27 de marzo

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o sometemento a información pública do proxecto que permitirá habilitar un aparcadoiro disuasorio con 194 prazas nunha parcela situada ao norte da autovía do Morrazo, no concello de Moaña.

Trátase do anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de restitución da situación previa á formación do vertedoiro de terras realizado durante as obras de conversión en autovía do corredor do Morrazo.

No seguinte enlace pódese ampliar esta información publicada no DOG de hoxe: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240214/AnuncioG0181-070224-0003_gl.html

O proxecto inclúe a eliminación do dito vertedoiro e a súa restauración ao estado orixinal, a execución dun estacionamento e a disposición dos ramais de acceso ao mesmo. O orzamento ascende a máis de 3,8 M€.

O proxecto prevé, por unha parte, a restitución da situación previa do vertedoiro de terras realizado durante as obras da citada autovía, concretamente nunha parcela situada no punto quilométrico 7+360. Procederase á retirada completa dos materiais que forman o vertedoiro e á restitución ao estado orixinal.

Por outra parte, na parcela situada no punto 4+800, executarase a construción dun aparcadoiro disuasorio que forma parte dunha estratexia de eliminación de vehículos pesados na área de Vigo.

No aparcamento disporase unha parada de autobús, que posibilitará a definición dunha rede de autobuses lanzadeira cara a Vigo, así como outras poboacións da contorna.

O deseño do aparcadoiro aproveitará toda a superficie chaira co material extraído das obras da autovía, polo que se integrará na contorna adaptando as rasantes ao terreo natural, establecendo plataformas de estacionamento a diferentes cotas e o axardinado dos espazos libres do aparcamento.

O proxecto hoxe sometido a información pública tamén contempla a execución dos ramais de acceso ao citado aparcadoiro.

Tamén se realizará a preinstalación para a futura implantación dunha estación de servizo.

Cómpre lembrar que as persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto ata o vindeiro 27 de marzo.

Data de actualización: 14/02/2024