O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa co alcalde do Porriño na presentación das actividades enmarcadas nesta efeméride

A Xunta súmase á celebración do Ano Palacios cunha ampla programación que inclúe xornadas, roteiros, visitas e exposicións

A axenda está dirixida a conmemorar o 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios, así como o centenario da Casa Consistorial do Porriño, obra do arquitecto

“A súa creatividade única permitiulle deixar unha pegada imborrable no imaxinario arquitectónico de Galicia”, destaca Román Rodríguez

A rehabilitación do Templete de San Luis, actualmente en fase de licitación, será un dos fitos desta conmemoración

O Porriño (Pontevedra), 14 de febreiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe no Porriño na presentación das actividades impulsadas polo Concello do Porriño para celebrar o Ano Palacios, unha efeméride á que se suma a Xunta de Galicia e que inclúe xornadas, roteiros e visitas culturais a localidades onde o arquitecto traballou e conservan o seu legado.  

Así, a axenda presentada hoxe nun acto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, está dirixida a conmemorar dúas datas significativas na historia do arquitecto Antonio Palacios. A primeira delas é o 150 aniversario do seu nacemento, celebrado o 8 de xaneiro, mentres que a segunda é o centenario da Casa Consistorial, obra do autor.

O responsable autonómico de Cultura referiuse a Antonio Palacios como o “máis importante arquitecto e urbanista da nosa historia recente”. “A súa creatividade única permitiulle deixar unha pegada imborrable no imaxinario arquitectónico de Galicia”, destacou o conselleiro Román Rodríguez, quen engadiu que aínda hoxe “algúns dos seus traballos son unha referencia técnica e plástica para os profesionais do sector”.

Tal e como explicou, a importancia da súa obra fai que sexa fundamental “transmitir a magnitude do seu legado” ás novas xeracións con iniciativas como as impulsadas agora para conmemorar o Ano Palacios. En concreto, a programación presentada hoxe inclúe accións para involucrar a toda a vila do Porriño nesta celebración con actividades nos centros educativos, visitas guiadas e trens turísticos seguindo as principais obras do arquitecto, excursións a outras localidades onde hai obras súas, exposicións e instalacións artísticas, entre outras.

Ademais, tamén está prevista a rehabilitación do Templete de San Luis, cuxos traballos de restauración están actualmente en fase de licitación por parte da Xunta de Galicia. Trátase dunha actuación que conta cun prazo de execución de cinco meses e coa que se pretende resolver as diversas patoloxías que afectan ao estado da estrutura e adecuar o contorno para mellorar a súa presenza no lugar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2024