O DOG publica hoxe a data de exame para 28 prazas de emprego público reservadas para persoas con discapacidade intelectual

Trátase do proceso selectivo para a agrupación profesional de persoal subalterno no que están chamadas a participar máis de 530 persoas

Santiago de Compostela, 13 de febreiro 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a data de realización do exame para cubrir 28 prazas de emprego público reservadas para persoas con discapacidade intelectual.

Máis de 530 persoas están inscritas nestas probas para o acceso á agrupación profesional de persoal subalterno (AP) da Xunta de Galicia que se realizarán o sábado 24 de febreiro, no pavillón nº 2 da Feira internacional de Galicia Abanca en Silleda.

A inserción laboral de persoas con discapacidade constitúe unha vía fundamental para alcanzar unha plena integración social, polo que é necesario adoptar as medidas necesarias para incrementar o emprego destas persoas, aumentar as súas posibilidades de traballo e impedir calquera forma de discriminación.

Neste sentido, as administracións públicas deben promover e desenvolver iniciativas que axuden a alcanzar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade.

Data de actualización: 13/02/2024