A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia entra a formar parte da Alianza Global de Ciberseguridade (GCA)

Esta adhesión fortalece o ecosistema do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal
 

A GCA é unha organización internacional e intersectorial, da que forman parte máis de 130 empresas e institucións, dedicada a reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado
 

A Xunta colaborará en iniciativas de investigación para a protección do Internet das Cousas, incluídas infraestruturas críticas

Santiago, 12 de febreiro de 2024

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acaba de asinar un acordo de adhesión á Alianza Global de Ciberseguridade (GCA). Esta incorporación permitirá achegar a labor desta importante organización internacional ao ecosistema galego de ciberseguridade, agrupado no Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal. 

A adhesión da Axencia comezou a xestarse coa colaboración con Dominio PuntoGal, entidade que forma parte da GCA e tamén de CIBER.gal. A GCA destaca que, como socio, PuntoGal mostrou un compromiso firme coa misión xeral da organización e con iniciativas específicas, como Domain Trust, que permite a posta en común de dominios sospeitosos. 

A Axencia galega e a GCA acordaron poñer en marcha iniciativas de colaboración  na protección do Internet das Cousas. Abordarán tamén accións de divulgación e explorarán unha colaboración reforzada a través da futura incorporación da GCA ao Nodo CIBER.gal. 

Esta incorporación, ademais de fortalecer o ecosistema creado en torno ao Nodo, reforza a súa presenza internacional e a posición de Galicia como rexión pioneira na sensibilización, concienciación e investigación neste ámbito. A colaboración coa GCA aportará valor ao aliñarse co obxectivo de reforzar a ciberseguridade para a cidadanía, empresas e Administracións Públicas. 

Philip Reitinger, presidente e CEO da Global Cyber Alliance, indicou que con este acordo se amplía a valiosa colaboración con socios activos e cunha forte implantación en Galicia, que teñen a visión de levar a ciberseguridade máis lonxe”. Engadiu, neste sentido que a Axencia “e o seu magnífico labor na posta en marcha do Nodo CIBER.gal, é un aliado extraordinario para conseguir avanzar na nosa misión". 

Global Cyber Alliance (GCA) é unha organización internacional sen ánimo de lucro dedicada a crear comunidades para despregar ferramentas, servizos e programas que proporcionen ciberseguridade a escala global. Para elo, traballa coas comunidades; implica aos propietarios e operadores de infraestruturas; e impulsa mobilizacións estratéxicas para a acción colectiva en materia de ciberseguridade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2024