O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Juan Carlos García Pose, asinaron hoxe o novo convenio de colaboración

A Xunta amplía o programa Xantar na Casa en Coristanco ata as 15 prazas

Con esta ampliación dáse resposta á demanda detectada polos servizos sociais municipais, que son os encargados de seleccionar aos beneficiarios

A través desta iniciativa, garántese unha alimentación san e equilibrada durante toda a semana a maiores que viven sos, persoas dependentes ou que están en risco de exclusión social

Coristanco (A Coruña), 12 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia amplía en 5 prazas máis o programa Xantar na Casa en Coristanco para chegar a ata un máximo de 15 beneficiarios, entre maiores que viven sos, persoas dependentes ou que están en risco de exclusión social. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Juan Carlos García Pose, asinaron hoxe o novo convenio de colaboración para ampliar o número de usuarios deste programa.

Perfecto Rodríguez sinalou que este incremento de prazas evidencia a boa acollida que está a ter este servizo e que se trata de dar resposta á demanda detectada polos servizos sociais do Concello, que son os encargados de seleccionar aos usuarios. A Xunta encárgase de financiar o 50 % do custe da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do Concello e dos usuarios a partes iguais.

Así mesmo, o xerente do Consorcio explicou que a comida repártese nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana —incluídos sábados, domingos e festivos—, polo que o destinatario soamente ten que quentala antes de consumila. Aos usuarios do programa tamén se lles facilitan os electrodomésticos que necesiten no caso de que carezan deles, como neveira e microondas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2024