Comesaña anuncia a inminente cobertura de catro prazas fixas de pediatra no concello de Verín

Dúas destas prazas son no centro de saúde e as outras dúas no hospital comarcal

Tomarán posesión no mes de marzo, logo dun proceso por concurso de méritos

Verín (Ourense), 12 de febreiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe á plataforma pola pediatría en Verín, da inminente cobertura, mediante concurso, de dúas prazas fixas de pediatría no centro de saúde verinés e doutras dúas no hospital comarcal. Na xuntanza, que se desenvolveu nun ton construtivo e de cordialidade, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial.

No marco desta medida, no vindeiro mes de marzo tomarán posesión 60 pediatras en atención primaria e 12 en hospitais comarcais, grazas a dous procesos selectivos por concurso de méritos postos en marcha pola Xunta, dos que o Diario Oficial de Galicia publicou a pasada semana a relación de profesionais con praza.

Ao respecto, cómpre remarcar que, coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades, en Galicia aprobouse, en outubro de 2022, a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega.

O acceso sen proba de exame, resulta da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2024