O centro Gaiástech celebra o Día da muller e da nena na ciencia cun ciclo de faladoiros con mulleres tecnólogas

O primeiro encontro será o 15 de febreiro con Susana Ladra, vicepresidenta do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia
 

A segunda charla será o 20 de febreiro con Rosa Vázquez da Startup Codee e o día 28 pechará o ciclo Almudena Justo, directora do Centro International Quamtum de Fujitsu
 

Esta actividade súmase ás previstas no marco do Plan Digitalent da Xunta para fomentar as vocacións tecnolóxicas femininas

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2024

O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia conmemora o Día Internacional de Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra hoxe, co ciclo de faladoiros “Con elas explorando o futuro”. O obxectivo destes encontros é visibilizar o rol das profesionais femininas no sector tecnolóxico e ofrecer referentes para fomentar as vocacións TIC, especialmente entre as nenas. 

O ciclo comezará o vindeiro 15 de febreiro coa intervención de Susana Ladra, vicepresidenta do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia. O segundo encontro correrá a cargo de Rosa Vázquez, CFO & Co-founder  da Startup Codee, o día 20 deste mes; e Almudena Justo, directora do Centro International Quamtum de Fujitsu, será a encargada de pechar as charlas o mércores, 28 de febreiro.

Estes faladoiros súmanse ás actividades previstas dentro Plan Digitalent da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para impulsar as vocacións tecnolóxicas e eliminar a fenda de xénero no sector.
 
Este ano está previsto celebrar novas edicións do programa Girl Steam con obradoiros de experimentación nas aulas CeMIT; os espazos Maker, que facilitan o uso de equipamento interactivo, impresoras 3D, drons ou kits de robótica na Rede CeMIT e no GaiásTech; Tecnológo por un día, que ofrece a posibilidade de compartir unha xornada de traballo nunha empresa TIC; o Campamento DigiTalia; o Scratch Day, un encontro para aprender a programar ou o Programa Tech Kids, que achega aos máis pequenos á tecnoloxía con actividades lúdico formativas. 

Os últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información sinalan que a presenza da mulleres no sector tecnolóxico galego sitúase no 30,6% e un 10,4% teñen unha titulación STEAM, unha porcentaxe que se reduce aínda más no caso de titulacións técnicas de Formación Profesional. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2024