A Xunta destaca a participación da peme de Castro de Rei Agroamb en proxectos de I+D+i europeos

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá a compañía para animar ao tecido produtivo a concorrer a convocatorias estatais e europeas de financiamento da I+D+i, complementarias ás axudas da Axencia

En 2024 convocarase unha nova liña de axudas dirixida a apoiar a preparación de candidaturas a programas europeos de financiamento a través da contratación de servizos de entidades especializadas

Castro de Rei (Lugo), 9 de febreiro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa de valorización de residuos agrícolas e gandeiros Agroamb, con sede en Castro de Rei (Lugo), para visibilizar a competitividade internacional desta peme innovadora. Agroamb, cunha ampla experiencia en actividades de I+D+i, conseguiu nos últimos anos financiamento europeo para tres proxectos neste eido. A iso contribuíu a participación no programa de bonos de innovación da Xunta de Galicia para contratar os servizos dunha consultoría experta para tramitar a solicitude da axuda europea.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou a importancia de acudir a convocatorias de financiamento internacionais para aumentar a competitividade do tecido produtivo galego e contribuír a consolidar a marca Galicia a nivel internacional tamén no eido da I+D+i. Ademais, Argerey salientou o exemplo de Agroamb como modelo de peme innovadora, con independencia da súa localización e sector.

De feito, nos pouco máis de 20 anos de existencia, a empresa lucense participou en varios proxectos de I+D+i a nivel galego, estatal e europeo e obtivo o selo de Peme innovadora. En concreto, Agroamb participa actualmente no proxecto LuGaz financiado pola convocatoria Innovation Fund con máis de 7,5 millóns de euros para escalar unha tecnoloxía de produción de biogás para a obtención de biometano apto para a inxección en redes de gas e á súa vez valorizar o dixerido para a obtención dun fertilizante de elevado valor engadido a partir dos residuos agroindustriais da zona de Lugo e arredores. Neste proxecto participan ademais as empresas Norvento, Leite Río e Medrar Smart Solutions en colaboración cos centros iCODA e Cetaqua.

Así mesmo, Agroamb participa nun proxecto europeo da convocatoria Horizonte Europa co obxecto de definir estratexias da xestión dos estercos máis eficientes e sustentables. Outra das liñas de traballo destacadas impulsada por estas axudas está encamiñada a mellorar tecnoloxías de gasificación e pirólise.

A directora da Axencia Galega de Innovación informou de que o vindeiro martes 13 de febreiro convocarase a nova liña de axudas para a preparación de candidaturas a convocatorias europeas de I+D+i que ten como obxectivo fomentar a participación das entidades galegas neste tipo de iniciativas. Esta nova liña de axudas, que estará aberta ata o 15 de novembro ou esgotamento do crédito, apoiará a preparación de propostas a través da contratación de servizos de entidades especializadas cunha axuda que poderá chegar ao 60 % do importe do servizo.

Así mesmo, actualmente está aberta ata o 22 de febreiro a convocatoria de Bonos de Innovación 2024. Dotada cun orzamento de 750.000 euros, ten aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 22 de febreiro.

O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.

Conta con dúas liñas: bonos para servizos de apoio á innovación, actividades destinadas á protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos e bonos para tramitación de incentivos fiscais á I+D+i, bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador e novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2024