O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural realizaron esta mañá unha visita técnica a este polígono agroforestal

A Xunta prosegue os traballos de roza para a posta en marcha do polígono agroforestal de Remuíño, que mobilizará 224 hectáreas no concello da Arnoia

Esta iniciativa, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria e que onte mesmo foi declarada de utilidade pública no Consello da Xunta, permitirá concentrar 224 ha distribuídas en 6.753 parcelas de 780 propietarios

En Remuíño xa se rozaron máis de 11 quilómetros de camiños, dentro da posta en valor dos terreos, a prevención dos incendios forestais e facilitar as tarefas de revisión do parcelario

O próximo paso será iniciar os labores de levantamento topográfico e investigación da titularidade deste polígono, cuxa orientación produtiva serán os cultivos hortícolas e leñosos, a produción forestal e sistema agroforestal

A Arnoia (Ourense), 9 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, realizou esta mañá unha visita técnica ao polígono agroforestal de Remuíño, localizado neste municipio ourensán.

Este polígono agroforestal abrangue unha superficie de 224 hectáreas, distribuídas en 6.753 parcelas de 780 propietarios. Tal e como indicou o conselleiro, onte mesmo foi declarado de utilidade pública e interese social no Consello da Xunta. A súa orientación produtiva é variada ao tratarse dun polígono extenso. Haberá zonas para cultivos hortícolas, leñosos e produción forestal; así como espazos para sistema agroforestal -gandaría e frondosas autóctonas-.

Así, José González avogou pola recuperación dos cultivos tradicionais e máis acaídos para esta zona, como poden ser o viñedo ou o Pemento de Arnoia. Neste sentido, puxo tamén de relevo a importancia de “ir sempre da man dos propietarios”, ao tratarse dun procedemento totalmente voluntario.

En Remuíño xa se rozaron máis de 11 quilómetros de camiños, dentro da posta en valor dos terreos a prevención dos incendios forestais, ademais de facilitar as tarefas de revisión do parcelario. Neste sentido, o próximo paso a dar será iniciar os labores de levantamento topográfico e a investigación da titularidade.

O da Arnoia é un dos 29 polígonos forestais aprobados en Galicia -en diferentes fases de desenvolvemento-, 17 deles na provincia de Ourense. Estes polígonos, creados ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria, supoñen a posta en valor de 9.300 hectáreas distribuídas en 30.120 parcelas propiedades de 8.420 veciños. O primeiro en entrar en produción será, neste mesmo primeiro semestre de ano, o polígono de Oímbra, orientado á cultivos leñosos -como a vide- e a produción hortícola -como o pemento-.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que este tipo de ferramentas son unha opción moi adecuada para a recuperación de terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando a poboación e permitindo anticiparse aos incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2024