A Xunta inicia os traballos de plantación de 25.000 árbores autóctonas nas marxes da autovía e do corredor do Morrazo

Estes traballos de reforestación supoñen a fase piloto da Estratexia de estradas verdes que impulsa o Goberno galego

Actuarase nas marxes da autovía, do corredor e do ramal de acceso a Cangas coa plantación de especies autóctonas, como o bidueiro, a abeleira, o freixo ou o carba-llo

As tarefas previas de preparación do terreo comezaron xa polo enlace da Ameixoa-da, onde se están a plantar as primeiras árbores frondosas, coa previsión de conti-nuar a vindeira semana no ramal de Cangas

Prevese a eliminación das especies invasoras, a dotación dunha cuberta vexetal, a repoboación con frondosas autóctonas e o posterior mantemento

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024

A Xunta vén de comezar a execución dos traballos de plantación de 25.000 árbores autóctonas para a reforestación das marxes das vías autonómicas de altas prestacións da península do Morrazo: a autovía (AG-46), o corredor (CG-4.1 e VG-4.6) e o ramal de acceso a Cangas (VG-4.5).

Esta intervención constitúe a fase piloto da Estratexia de estradas verdes da Xunta e se desenvolve baixo encomenda á empresa pública Seaga, cun orzamento de máis de 1,5 M€.

Os traballos comezaron nos pasados días coas tarefas previas de preparación do terreo pola zona do enlace da Ameixoada, polo que agora estase a comezar xa coa plantación das primeiras árbores frondosas, entre as que haberá bidueiros, abeleiras, freixos, pradairos, sorbus e carballos.

De cara a vindeira semana, as actuacións vanse a continuar polo ramal de acceso a Cangas desde a autovía do Morrazo (VG-4.5.). Neste caso, procederase á roza, sementarase a continuación o terreo con herbáceas para dificultar o crecemento da vexetación invasora e, finalmente, rematarase coa plantación de frondosas.

Así, o ciclo de traballo que se levará a cabo en todo o ámbito da actuación do Morrazo comezará pola eliminación das especies exóticas invasoras; logo, dotaranse as marxes desta autovía e os ramais dunha cuberta vexetal e finalmente, procederase á repoboación con especies de frondosas autóctonas.

Estas tarefas completaranse con traballos de mantemento e consolidación nos primeiros anos, que inclúen rozas, eliminación de rebrotes ou reposición de plantas.

O remate dos traballos permitirán a implantación final de 25.000 especies frondosas autóctonas nas marxes da autovía do Morrazo, o que permitirá a absorción, ao final dun período de permanencia estimado de 35 anos, de 5.616 toneladas de CO₂.

As actuacións obxecto deste proxecto teñen como obxectivos incidir na protección fronte aos incendios, gañar en eficiencia na conservación nas marxes das vías de titularidade autonómica e avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas.

A Xunta leva meses cunha intensa campaña de eliminación no dominio público asociado ás estradas autonómicas da península do Morrazo de especies pirófilas e invasoras, como acacias ou mimosas, que permite iniciar estes traballos de reforestación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2024