A Xunta pon en valor o distintivo de empregabilidade concedido á facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de entrega dos recoñecementos que outorga a Universidade de Vigo, que tamén lle foi entregado esta mesma semana á Facultade de Dereito do Campus de Ourense

Lembrou a colaboración coa UVigo en materia de emprendemento ou de igualdade, para fomentar o espírito empresarial e o acceso ao mercado laboral en igualdade de oportunidades, tamén en sectores masculinizados como os tecnolóxicos

Vigo, 8 de febreiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou esta mañá no acto de entrega do Distintivo de Empregabilidade que outorga a Universidade de Vigo (UVigo) á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, ás que felicitou por un recoñecemento que acredita o labor feito a prol da entrada efectiva no mercado laboral das persoas que escollen estes centros para formarse. Aproveitou para incidir na importancia de impulsar a presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados como os tecnolóxicos.

Na súa intervención, a conselleira loou o compromiso coa empregabilidade dos centros distinguidos, non só coas prácticas a disposición do alumnado senón tamén con cursos e obradoiros que completan a formación e melloran as oportunidades laborais. Así mesmo, referiuse aos foros ou programas específicos que promoven para poñer en contacto o estudantado cos seus eventuais empregadores.

Rivo puxo en valor a colaboración coa Universidade de Vigo en materia de promoción do emprendemento, para o desenvolvemento do espírito empresarial entre a comunidade universitaria. Tamén a prol da igualdade, tan necesaria -recalcou- en titulacións como as tecnolóxicas, onde a fenda de xénero segue a existir.

Así, avogou por avanzar na igualdade de oportunidades, facendo fincapé en accións autonómicas como a campaña Ti elixes, para concienciar aos escolares de que as mulleres deben escoller libremente a súa profesión, libres de prexuízos ou de estereotipos. Este 2024 tamén haberá un novo plan para promover a formación e a contratación de mulleres en sectores masculinizados.

Poñendo de relevo o traballo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rivo apostou pola formación orientada ao emprego para incrementar as oportunidades da xente nova, reafirmando a colaboración estreita entre administracións, institucións educativas e o mundo da empresa.

Nese senso, cómpre sinalar apoios como a terceira edición do programa Investigo que xa ten o prazo de solicitude aberto e que con 4,8 millóns de euros de orzamento busca fomentar o emprego xuvenil no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. A maiores, existen outras medidas como o programa Galicia Emprega -dotado con 17,5 millóns de euros e con prazo de solicitude tamén aberto- para impulsar a contratación das persoas desempregadas con máis dificultades para atopar traballo, como son a xente nova.

Así mesmo, cabe apuntar os incentivos para a contratación de mozas e mozos en prácticas ou formación facilitando un período de prácticas acompañadas dun proceso de formación para o emprego ou aos obradoiros de garantía xuvenil, sen esquecer a Rede de polos de emprendemento ou a fórmula da economía social, concibidos tamén para atraer a xuventude e que contribúa ao crecemento de Galicia. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2024