A Xunta consolida a colaboración co Clúster da Función Loxística de Galicia para mellorar a capacitación do sector a través de formación a medida

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou no acto de entrega dos diplomas acreditativos e tarxetas de transporte ás persoas formadas no marco do convenio do Goberno galego con este clúster

Destacou que este ano están previstas -no marco desa colaboración- máis de 40 formacións ás que poderán acceder máis dun milleiro de persoas ocupadas ou desempregadas

Afirmou que este ano se prevé acadar a cualificación e recualificación de máis de 10.500 persoas mediante convenios de colaboración cos distintos clústers
 

O Porriño (Pontevedra), 8 de febreiro de 2024

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe no acto de entrega de diplomas acreditativos e tarxetas de transporte ás persoas formadas no marco da colaboración da Xunta co Clúster da Función Loxística de Galicia. Alí, destacou a aposta deste convenio pola cualificación e recualificación neste sector estratéxico que xera -dixo- máis do 12% dos empregos da nosa economía e cuxas empresas que operan no territorio galego representa case o 4% do noso PIB.

Na súa intervención, Zeltia Lado amosou o seu compromiso de consolidar a colaboración cos clústers, renovando convenios para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes. No caso do acordo co da loxística, este ano están previstas máis de 40 formacións ás que poderán acceder máis dun milleiro de persoas tanto ocupadas como desempregadas. Desde outubro de 2023, dixo, participaron en accións formativas organizadas polo Clúster da Función Loxística 243 persoas alumnas.

Nesa dirección, a directora xeral aseverou que o Goberno galego seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que avoga Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.

Así, apuntou que neste 2024 se prevé a cualificación e recualificación de máis de 10.500 persoas mediante convenios de colaboración cos distintos clústers, á vista dos bos resultados conseguidos ata agora. Nese senso, concluíu que cómpre tanto a incorporación de novos profesionais como dotar ás persoas que xa están traballando de recursos formativos que lles permitan unha reciclaxe axeitada para o seu desenvolvemento profesional, tendo en conta as novas capacidades demandadas polas empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2024