Promoción do Emprego e Igualdade recibe da man de FEAFES un premio pola aposta a favor da integración laboral das persoas con problemas de saúde mental

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Formación para o emprego e Orientación, Zeltia Lado, recolleron hoxe en Lugo o II Premio Empréganos da Federación na categoría de Administración Pública

Lugo, 7 de febreiro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, recolleron hoxe de man da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes), o recoñecemento desta entidade á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, pola súa aposta polo emprego inclusivo das persoas con problemas de saúde mental.  En concreto, o departamento autonómico recibiu o II Premio Empréganos na categoría de Administración Pública.

Lado, tras agradecer no nome da conselleira Elena Rivo o recoñecemento, puxo en valor a importancia do compromiso conxunto da Xunta, de entidades e de empresas para transformar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental a través do emprego. “Desta sinerxia créase unha rede de confianza que creamos entre todos para mellorar cada día a vida deste colectivo”, apuntou. Ao respecto, engadiu que “a implicación e o exemplo de Feafes, das familias, das entidades e das empresas supón un estímulo para que desde a Xunta reforcemos o noso compromosivo co emprego inclusivo”.

Neste senso, indicou que o emprego é a mellor ferramenta de inclusión social e avogou pola posta en marcha de iniciativas que sigan mellorando a empregabilidade das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social como son, entre outros os programas integrados de emprego, na procura “dunha Galicia máis inclusiva e plural”.

No acto tamén recibiron un galardón Lacera (na categoría Gran empresa), Extel (Peme emprego protexido), Calfensa (Emprego verde), Juntos Somos Capaces de Fundación Mapfre (programa social) e Encarna Lago, xerente de Rede museística provincial de Lugo (persoa referente).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024