O Sergas recibe 83 propostas innovadoras durante o proceso de Consulta Preliminares ao Mercado do Plan de innovación sanitaria Precisaúde

O Plan de Innovación Sanitaria PRECISAÚDE está centrado na Medicina 5P, contando con 4 grandes liñas de traballo e 8 retos principais, aspirando a mobilizar máis de 20 millóns de euros nos próximos 3 anos

Nas Consultas Preliminares ao Mercado participaron un total de 62 entidades, principalmente empresas e centros de I+D+i
 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, clausurou esta tarde o acto de presentación das conclusións das Consultas Preliminares ao Mercado do novo Plan de innovación PRECISAÚDE, un evento no que anunciou que o Sergas recibiu un total de 83 propostas innovadoras na súa fase preliminar.

Durante o acto, que se desenvolveu na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa, destacou a alta participación de empresas e centros de I+D+i, “o que demostra o interese espertado por PRECISAÚDE”. 

Pola súa banda, o director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, José María Romero; detallou o proceso de Consultas Preliminares ao Mercado que conclúe hoxe coa presentación das conclusións. Así, este procedemento comezou co lanzamento da consulta no mes de xuño, para posteriormente analizar as propostas recibidas e os correspondentes informes de vixilancia tecnolóxica, así como as valoracións por parte da Oficina Española de Patentes e Marcas.

As Consultas Preliminares ao Mercado son un mecanismo mediante o que as entidades sanitarias e os responsables da toma de decisións poden interactuar cos provedores de solucións innovadoras antes de lanzar unha licitación ou un proceso formal de adquisición. Este procedemento, que se estendeu durante sete meses, permitiu unha comunicación bidireccional, na que os provedores puideron presentar as súas propostas e as entidades sanitarias expresar as súas necesidades e requirimentos específicos.

O informe de conclusións da consulta pode consultarse na páxina web de PRECISAÚDE, e servirá de guía para as futuras licitacións que se leven a cabo en calquera das modalidades de Compra Pública Innovadora.

8 retos distribuídos en 4 ámbitos de actuación prioritarios

Co novo Plan de innovación PRECISAÚDE, a Medicina 5P convértese no eixo central do ámbito da innovación sanitaria. Así, o evento de hoxe contou cun panel de expertos e clínicos para as catro grandes liñas de traballo: novos sistemas de simulación, biomarcadores, solucións de análise xenómico avanzado e terapias avanzadas.

A primeira das mesas, presentou as conclusións sobre a busca de solucións innovadoras baseadas en biomarcadores, con tres retos en oncoloxía exposto por Jesús García Mata, Xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; obesidade detallado por Cristina Tejera, Facultativa Especialista da Área de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; e saúde mental, encargándose da súa presentación María Tajes, Xefa de Servizo de Saúde Mental no Complexo Universitario Hospitalario de Ourense.

A busca de sistemas de simulación innovadores, dentro do cal existen dous retos, foi a temática da segunda das mesas. Por unha parte, o desenvolvemento e validación de técnicas hemodinámicas para o tratamento da parada cardio-respiratoria e ECMO, exposta a necesidade polo Xefe de Servizo de Docencia e Investigación, José Antonio Iglesias. E pola outra parte, o desenvolvemento e validación de solucións de simulación para o tratamento de feridas crónicas exposto por María Blanca Cimadevila, Xefa de Servizo da Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Innovación.

O Subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería, Benigno Rosón, detallou as conclusións do terceiro ámbito de actuación de PRECISAÚDE no eido da xenómica, consistente na busca de plataformas globais de xestión de datos ómicos, integrando toda información relevante da historia clínica, coa posibilidade de creación dun espazo de datos para a análise automatizada, apoiándose para este obxectivo no uso de técnicas big data e de intelixencia artificial.

Finalmente, a busca de solucións innovadoras de terapias foi o último ámbito que quedou atendido, distribuíndose en dous retos. O primeiro reto consistiu no desenvolvemento de novas terapias avanzadas de terapia xenética e celular e o segundo relativo ao desenvolvemento de solucións para a xestión integral do proceso de produción vencellado a terapias celulares avanzadas, presentado por Alicia Piñeiro, Xefa de Consultoría e Santiago Medin, Director Técnico da Unidade de Produción de Radiofármacos PET, ambos da Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria.

Referentes europeos en contratación pública de innovación

A xerente do Servizo Galego de Saúde agradeceu a tódolos profesionais que contribuíron a facer posible que a Sanidade Galega sexa referente europeo en programas de Compra Pública Innovadora (CPI), un importante fito no campo da saúde que permitiu grandes logros con programas como Hospital2050 e InnovaSaúde, Código100; Innova MicroLab ou INNOVATRIAL actualmente en execución. Trátase dun recoñecemento outorgado polo Consello Europeo de Innovación (EIC), no que o SERGAS logrou ser gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024