A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro, vento e choivas

O fenómeno adverso por temporal costeiro afectará ás provincias da Coruña e Pontevedra por ventos do suroeste de forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 7 metros

O vento en terra será de 100 quilómetros por hora no noroeste, oeste e suroeste da Coruña e na Mariña de Lugo

No oeste e suroeste da Coruña agárdanse precipitacións acumuladas de máis de 80 milímetros en 12 horas

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para esta madrugada a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra, por vento en terra con refachos moi fortes en zonas da provincia coruñesa e na Mariña lucense, e por choiva no oeste e suroeste da Coruña.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por temporal costeiro comezará nesta madrugada en todo o litoral da Coruña e estenderase logo tamén ao de Pontevedra. Agárdase vento do sur ao suroeste forza 8 de ata 74 km/h con mar combinada con ondas de ata 7 metros.

O episodio adverso por vento do sur e do suroeste, espérase a partir da medianoite e acadará refachos de 100 quilómetros por hora no noroeste, oeste e suroeste da Coruña e na Mariña lucense. No resto da comunidade o aviso será de nivel amarelo por rachas máximas de 80 quilómetros por hora.

No oeste e suroeste da Coruña estará ademais activa a alerta laranxa por choivas a partir da madrugada, con precipitacións acumuladas de máis de 80 milímetros en 12 horas. No noroeste e interior da Coruña e no resto de provincias a alerta será amarela por choivas acumuladas de 60 litros metros cadrados en 12 horas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ante os fortes ventos e a chuvia recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e ventás

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024