A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa, Teresa Villaverde, para abordar este novo paso administrativo

A Xunta licita por 952.000 euros as obras para dotar varios núcleos do concello de Lousame dun sistema de saneamento eficiente

O contrato ten como obxectivo garantir un servizo axeitado aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e a parte do núcleo de Croído

Construirase unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos cara a unha nova depuradora

A nova planta de tratamento executarase na parcela proposta polo Concello xunto ao rego Pesqueira, na zona de Rocheira

As empresas interesadas nestes traballos, que contan cun prazo de execución de 9 meses, teñen ata o 11 de marzo para presentar as súas ofertas

A previsión é iniciar as obras este mesmo ano para que o saneamento nestes núcleos de Lousame e a nova depuradora estean rematados a finais de 2025

As obras suporán un orzamento de 1,1 M€, cofinanciándoas a Xunta cunha achega do 80%, máis de 887.000 €

Lousame (A Coruña), 7 de febreiro de 2024

A Xunta licitou por 952.000 euros as obras para dotar varios núcleos do Concello de Lousame dun sistema de saneamento eficiente.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, para informar deste novo paso administrativo para levar o servizo de saneamento e depuración de augas residuais a varios núcleos da parroquia de San Xoán de Lousame, que na actualidade non contan cun sistema de depuración axeitado.

En concreto, hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación das obras para dotar de saneamento axeitado e eficiente aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e tamén parte do núcleo de Croído.

As empresas interesadas na execución deste proxecto teñen de prazo ata o 11 de marzo para presentar as súas ofertas. A partir de aí, continuarase cos trámites administrativos necesarios para levar a cabo a actuación, que ten un prazo de execución de 9 meses.

O obxectivo é poder iniciar as obras este mesmo ano para a súa execución durante o vindeiro e que o saneamento nestes núcleos de Lousame e a nova depuradora estean rematados a finais de 2025.

Para resolver a situación actual e garantir un sistema de saneamento eficiente aos veciños dos 5 núcleos e tamén a parte da veciñanza do núcleo de Croído, as obras que hoxe se licitan permitirán executar unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos.

Esas augas serán conducidas a unha nova depuradora, que se vai executar xunto ao rego Pesqueira, na zona de Roucheira, na parcela que propuxo o Concello.

Concretamente, proxéctanse 3 colectores de saneamento, cunha lonxitude que supera os 1,2 km; ademais dunha impulsión no núcleo de Costa, de preto de 400 metros de lonxitude.

Un dos colectores construirase na marxe esquerda da estrada provincial (DP-4201), na intersección de Croído; e outro na zona do campo de fútbol da Silva para chegar ata a nova depuradora prevista. 

O terceiro colector parte da rede existente de Costa e chega ao novo pozo de bombeo deste núcleo, que recollerá as augas residuais de 3 deses núcleos (Berrimes, As Quintáns e A Costa), impulsándoas cara ao colector para logo levalas á nova depuradora.

A nova depuradora estará dotada con pretratamento, decantación primaria e secundaria, medida de caudal de auga tratada e bypass que permitirá o alivio na arqueta de entrada.

Estas actuacións, a rede de colectores, o pozo de bombeo e a nova estación depuradora permitirán tratar as augas de preto de 400 habitantes equivalentes destes núcleos de poboación de Lousame.

Esta intervención é froito da colaboración asinada no pasado mes de maio, por importe de 1,1 M€ entre a Xunta e o Concello de Lousame.

Deste xeito, o convenio de colaboración recolle como obrigas da administración autonómica contratar e executar as obras, financiándoas cunha achega do 80%, con máis de 887.000 €; e como obrigas do Concello, achegar o 20% restante, ademais de realizar os trámites administrativos e de poñer á disposición os terreos para a realización das obras.

Estas obras están cofinanciadas pola UE a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024