O conselleiro do Medio Rural participou esta mañá no Pazo de Quián nun encontro con representantes desta industria, no que puxo en valor o papel que desenvolven para o agro

A Xunta sinala as industrias de transformación agroalimentaria como unha das principais potencias económicas do rural galego

O Goberno autonómico amosa un claro compromiso con este ámbito, que se traduce nas diferentes liñas de achegas convocadas nos últimos anos con este obxectivo

Dentro da liña anual de axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios, dotada con 30 millóns de euros por parte da Xunta, o conselleiro lembrou que o prazo para solicitar préstamos garantidos segue aberto ata o 29 de marzo

Cabe sinalar que este tipo de axudas procuran incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas a este fin

José González fixo fincapé na necesidade de seguir afondando no desenvolvemento do tecido industrial galego, co obxectivo de favorecer á creación de valor engadido e contribuír á avanzar na modernización das explotacións agrarias

Boqueixón (A Coruña), 7 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe nun encontro con representantes das industrias de transformación agroalimentaria de Galicia que tivo lugar no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón. Na xuntanza, que foi presentada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, o conselleiro puxo de relevo o labor desenvolvido por estas entidades, que contribúen a consolidar a desta industria como potencia económica do rural da nosa comunidade; “un dos principais motores que fai mover o engrenaxe que é o rural galego”.

Nesta xornada, que incluíu unha mesa redonda coa participación de varios representantes destas industrias agroalimentarias, José González afirmou que o Goberno autonómico ten clara a súa aposta pola comercialización e transformación de produtos agrarios. Un compromiso que, tal e como sinalou o conselleiro, se traduce nas diferentes liñas de achegas convocadas nos últimos anos con este concepto.

Liñas de achegas

Cabe sinalar que as axudas para as inversións en transformación e comercialización de produtos agrarios contan cun orzamento de 30 millóns de euros na convocatoria deste ano, das que poderán beneficiarse empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.Neste mesmo sentido, José González lembrou que o prazo para solicitar os préstamos garantidos segue aberto ata o 29 de marzo.

Este tipo de axudas procuran incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios

Compromiso do Goberno autonómico co sector

Seguindo esta liña, o conselleiro amosou a súa intención de afianzar a aposta por este ámbito para que poida reverter “nun beneficio” para todas as persoas que viven deste sector. Tamén fixo fincapé na necesidade de seguir afondando no desenvolvemento do tecido industrial galego, co obxectivo de favorecer á creación de valor engadido e contribuír á modernización das explotacións agrarias.

Neste sentido, salientou que este tipo de inversións son fundamentais para favorecer a innovación e o desenvolvemento desta industria con plenitude, especialmente nos sectores produtivos do lácteo e o cárnico; que abranguen a meirande parte dos proxectos subvencionados.

Así, finalizou a súa intervención afirmando que “sen rural non hai industria”; e avogou por continuar investindo na reestruturación e modernización do agro galego e afondar na incorporación á actividade con relevo xeracional, co fin de reverter nunha mellora na totalidade do sector “comezando desde a granxa máis pequena e rematando pola industria de transformación máis grande”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024