A Xunta lamenta profundamente o pasamento de Miguel Ángel González, “un dos mellores futbolistas e o mellor porteiro que ten dado Galicia”

Recibiu a Distinción ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia de man do presidente en 2013 nunha gala celebrada no seu Ourense natal

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia expresa o seu máis sentido pésame polo pasamento do que fora porteiro da selección español de fútbol e do Real Madrid, o ourensán Miguel Ángel González. Neste sentido, o Goberno galego envía unha mensaxe de apoio a toda a súa familia, achegados así como a todo o tecido do deporte galego que hoxe está de loito.

Nas palabras do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, “Miguel Ángel González foi un referente no fútbol de todo o mundo con grandes triunfos e importantes títulos tanto a nivel nacional como internacional e que chegou a ser o porteiro menos goleado na tempada 75-76”. “Foi un dos pioneiros que puxo as luvas cando todos querían darlle patadas ao balón, grazas a el e ao seu éxito, foron moitos os que quixeron seguir os seus pasos e colocarse tamén debaixo dos tres paus”, engadiu.

Cómpre salientar que Miguel Ángel González recibiu a Distinción ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia no ano 2013 nunha gala celebrada no seu Ourense natal en recoñecemento do seu labor e traxectoria, notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia, así como a súa contribución ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e da educación física da comunidade autónoma de Galicia.

Data de actualización: 06/02/2024