A directora xeral de FP visita o Instituto de Pontepedriña, en Santiago, para explorar o impulso da oferta dual neste centro o vindeiro curso
Eugenia Pérez subliña “a grande demanda” dos ciclos vinculados ao ámbito comercial, de xestión de vendas e de loxística, onde este centro é un referente
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Instituto IES Pontepedriña, en Santiago de Compostela, para analizar co equipo directivo do centro as posibilidades de impulso da oferta formativa na modalidade dual de cara ao vindeiro curso escolar, sobre todo no ámbito comercial, de xestión de vendas e de loxística, entre outros, cunha grande demanda por parte do tecido produtivo.
A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importante aposta pola Formación Profesional que está desenvolvendo o IES de Pontepedriña, especialmente no eido comercial, “onde está consolidado como un referente no sur da provincia da Coruña”.