A Xunta pon en valor o distintivo de empregabilidade concedido pola Universidade de Vigo á Facultade de Dereito do Campus de Ourense

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de entrega do recoñecemento, lembrando a colaboración coa Universidade de Vigo a prol do emprendemento ou da igualdade

Apuntou á mocidade como colectivo prioritario nas políticas de emprego, con apoios como o programa Investigo que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia para impulsar o emprego xuvenil no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación

Ourense, 6 de febreiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou esta mañá no acto de entrega do Distintivo de Empregabilidade á Facultade de Dereito do Campus de Ourense, á que felicitou por un recoñecemento que acredita o labor feito a prol da entrada efectiva no mercado laboral das persoas que escollen este centro para formarse. 

Trátase dun distintivo que outorga a propia Universidade de Vigo para recoñecer, impulsar e incentivar a promoción de accións realizadas nos seus centros docentes, fomentando o desenvolvemento das competencias e coñecementos do alumnado para mellorar a súa empregabilidade.

Na súa intervención, a conselleira lembrou a colaboración coa Universidade de Vigo en materia de promoción do emprendemento, para o desenvolvemento do espírito empresarial entre a comunidade universitaria.  

Poñendo de relevo o traballo da Facultade de Dereito ourensá, Rivo apostou pola formación orientada ao emprego para incrementar as oportunidades da xente nova, reafirmando a colaboración estreita entre administracións, institucións educativas e o mundo da empresa.

Nese senso, cómpre referirse a apoios como a terceira edición do programa Investigo, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que con 4,8 millóns de euros de orzamento busca fomentar o emprego xuvenil no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. A maiores, están a disposición outras medidas como o programa Galicia Emprega -dotado con 17,5 millóns de euros e con prazo de solicitude aberto- para impulsar a contratación das persoas desempregadas con máis dificultades para atopar traballo, como son a xente nova.

Así mesmo, hai incentivos para a contratación de mozas e mozos en prácticas ou formación facilitando un período de prácticas acompañadas dun proceso de formación para o emprego ou obradoiros de garantía xuvenil, sen esquecer a Rede de polos de emprendemento ou a fórmula da economía social, concibidos tamén para atraer a xuventude e que contribúa ao crecemento de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2024