Xunta e Concello de Cee colaboran para levar a cabo actuacións que redundarán na mellora da eficiencia enerxética do centro de saúde de Cee

O importe total do investimento ascenderá a máis de 60.000 euros

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

A Xunta remite, para a súa sinatura, o convenio de colaboración ao concello de Cee, no que se establecen as bases de financiamento, por importe de máis de 60.000 euros, para levar a cabo o acondicionamento térmico do inmoble mediante a renovación das carpinterías exteriores e a substitución do xerador térmico para o servizo de calefacción.

Así, o contrato de obra será licitado e tramitado polo Concello, e o seu financiamento será compartido entre ambas administracións, asumindo a Xunta o 90% do custe da actuación.

Segundo a memoria presentada polo Concello para acompañar a tramitación deste convenio, as actuacións que se levarán a cabo teñen por finalidade a mellora da eficiencia enerxética do inmoble mediante a renovación do equipo xerador de calor empregado no sistema de calefacción, obxecto de varias avarías e cun baixo rendemento, así como cun alto consumo de combustible e xeración de residuos.

Ademais, tamén levarase a cabo a modificación da instalación eléctrica para a instalación dos novos equipos e a retirada e inertación do depósito de gasóleo existente.

Data de actualización: 06/02/2024