O DOG publica a convocatoria de axudas do programa Investigo que destina 5M€ á contratación de mozos desempregados en actividades de I+D+i

As axudas, que se poden solicitar desde mañá e ata o 6 de marzo, diríxense a empresas cualificadas como iniciativas de base tecnolóxica e/ou que traballen en investigación e innovación

Grazas a esta medida, a Administración autonómica financia os contratos indefinidos e a xornada completa dos mozos durante 12 meses
 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a terceira edición do programa Investigo co que a Xunta de Galicia fomenta a xeración de emprego xuvenil na comunidade no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación.

A Administración autonómica destina a este programa un total de 4,8 millóns de euros en 2024 de fondos da comunidade, cos que apoiara á contratación de persoas menores de 30 anos desempregadas en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBTs), así como calquera outra, radicada en Galicia, que desenvolva a súa actividade no eido do I+D+i.

As achegas permitirán financiar a contratación por conta allea das mozas e mozos e  oscilarán entre os 22.405,92 e 33.108,84 euros por persoa, cubrindo os custos laborais e salariais. Os contratos obxecto da subvención teñen que ter carácter indefinido e unha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Investigo prioriza como ocupacións para os traballadores mozos as relacionadas coa transición ecolóxica, a economía verde -enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria- e a dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science.

Con esta medida, a Xunta segue a propiciar a inserción laboral das persoas mozas, mellorando a súa cualificación e outorgándolles a posibilidade de desenvolverse profesionalmente en ocupacións con alta demanda.

Con este tipo de programas, a Administración autonómica está a reverter na sociedade a alta formación deste persoal. Ao redor do 50% das persoas participantes no programa, convocado en 2022 e 2023, continúan a traballar nas empresas contratantes.

O prazo de solicitude para as empresas e entidades interesadas abrirase mañá e permanecerá vixente ata o próximo 6 de marzo.

Data de actualización: 06/02/2024