A Xunta organiza xornadas de portas abertas para que profesionais e público xeral poidan coñecer o novo matadoiro móbil

As quendas de visitas serán mañá, 6 de febreiro e o próximo día 14, de 8,30 a 14,30 horas no polígono industrial Os Acivros en Chantada
 

As persoas interesadas poderán solicitar máis información e anotarse no número de teléfono 982 251 201
 

O matadoiro xa está plenamente operativo e ten como fin mellorar a xestión e a rendibilidade das explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

Todas aquelas persoas interesadas en coñecer o novo matadoiro móbil impulsado pola Xunta de Galicia, tanto profesionais do sector como público xeral, poderán visitalo nas xornadas de portas abertas organizadas pola Consellería do Medio Rural.

A primeira quenda de visitas estará orientada a persoal profesional do eido gandeiro e terá lugar mañá, martes 6 de febreiro, no polígono industrial Os Acivros, localizado no concello lucense de Chantada. O mércores 14 de febreiro está programada outra xornada de portas abertas, nesta ocasión dirixida a público xeral que queira visitar as instalacións e coñecer a nova unidade móbil de sacrificio de Galicia.

O horario en ambas as dúas datas é 8,30 a 14,30 horas. O número de teléfono 982 251 201 xa está habilitado para poder consultar dúbidas e rexistrarse para a visita.

 O matadoiro móbil

Os gandeiros interesados en facer uso do servizo do matadoiro móbil, que está operativo dende o 19 de xaneiro, poderán chamar ao mesmo número de teléfono (982 251 201) para encargar esta prestación.

Tendo en conta as demandas, organizaranse as rutas do matadoiro, procurando sempre optimizar este recurso, que ten como principal obxectivo mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais. 

Esta nova unidade de sacrificio matadoiro facilitará o sacrificio de ovellas, cabras e porcos -neste caso especialmente das explotacións de porco celta-, en zonas afastadas ou de montaña, optimizando así a xestión destas explotacións ao reducir os custos de transporte do gando e mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal.

Os prezos do servizo oscilan entre os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2024