A Xunta de Galicia incorpora catro novos investigadores ao programa Oportunius

Os novos investigadores contratados pola Axencia Galega de Innovación son María Giménez, Diego Peña, Yolanda Prezado e Carlos Sebastián Villasante, beneficiarios das prestixiosas axudas do ERC

A través desta iniciativa ofrécese a profesionais de recoñecida traxectoria un marco laboral estable e recursos para o desenvolvemento da súa carreira en Galicia

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia incorpora catro investigadores de recoñecido prestixio a través do Programa Oportunius. María Giménez, Diego Peña, Yolanda Prezado e Carlos Sebastián Villasante, beneficiarios de axudas á investigación de excelencia do Consello Europeo de Investigación (ERC), súmanse á lista do persoal investigador da Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia.

“A contratación destes catro investigadores e investigadoras constata a aposta da Xunta de Galicia pola atracción, a retención e o retorno de talento científico excelente, ofrecéndolles un marco laboral estable e recursos para o desenvolvemento dunha carreira de primeiro nivel en centros de investigación de Galicia”, explicou Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, durante un encontro celebrado a semana pasada no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), ao que tamén se uniu Manuel Souto, investigador Oportunius que se incorporou ao CiQUS en setembro de 2023.

No encontro participaron tamén José Luis Mascareñas, Mabel Louza e Mª Teresa Moreira, directores do CiQUS; o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS); e Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), respectivamente, centros de acollida destes investigadores. Con eles, xa son 17 os investigadores e investigadoras apoiados polo ERC adscritos ao Programa Oportunius, que desenvolven os seus proxectos de investigación na Comunidade. Ademais, está previsto que a Xunta de Galicia resolva unha nova contratación e convoque tres prazas máis no marco desta iniciativa na primeira metade de 2024.

Excelencia científica no ecosistema de I+D+i galego

Estes catro profesionais, que desde agora pasan a ser Oportunius Research Professor, contribúen a elevar a excelencia científica do ecosistema de I+D+i galego. Diego Peña, doutor en química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) logrou unha ERC Synergy Grant para o proxecto MolDAM. Mentres que María Giménez, doutora nesta mesma disciplina pola Universidad de Valencia, obtivo a súa primeira axuda ERC Starting Grant para o desenvolvemento do proxecto NANOCOP. Posteriormente conseguiu unha nova ERC na modalidade Proof of Concept para a súa investigación ZABCAT. Ambos desenvolven o seu labor investigador no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC.

Nesta mesma liña, hai que resaltar que Yolanda Prezado, doutora en Radiobioloxía e Física Médica, regresa a Galicia, tras máis de 11 anos adscrita ao Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS) en Francia, para incorporarse ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Nesta institución continuará coas investigacións do proxecto PROTONMBRT, co que obtivo a axuda ERC Consolidador Grant.

Pola súa banda, Carlos Sebastián Villasante, doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago, desenvolve a súa actividade investigadora no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Neste organismo coordina o grupo de investigación EQUALSEA, nome do proxecto co que obtivo a ERC Consolidator Grant.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2024