A Xunta ofertará preto de 3.000 prazas no maior concurso de traslados de administración xeral

A Dirección Xeral da Función Pública acaba de enviar ás organizacións sindicais as bases do concurso para iniciar a súa negociación
 

Ademais, tamén se negociará o concurso de traslados da Administración especial con máis de 600 prazas nas escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias
 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

A Xunta ofertará preto de 3.000 prazas no maior concurso de traslados da Administración Xeral. A Dirección Xeral da Función Pública enviou hoxe aos sindicatos as bases para negociar o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración Xeral.

 

O concurso de traslados é un procedemento moi demandado polos empregados públicos. A través deste proceso a Administración cubre os postos de traballo vacantes, e o persoal funcionario pode cambiar voluntariamente do seu posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias.  

A través destes concursos o persoal empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo así os seus desprazamentos diarios ao posto de traballo e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Ademais, tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel. 

Neste concurso, como novidade, poderá participar o persoal laboral fixo en destino definitivo que adquiriu a condición de funcionario de carreira a través do proceso de funcionarización aberto pola Xunta e que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional equivalente ao corpo ou escala en que se realizou a súa funcionarización.

Concurso de Administración Especial

Por outra banda, a Xunta e os sindicatos tamén van iniciar a negociación do concurso de traslados da Administración especial na que se ofertarán máis de 600 prazas nas escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2024