A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego de Tabeirós ao seu paso polo concello da Estrada

As tarefas están levándose a cabo ao longo de algo máis de 180 metros

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

As actuacións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar a execución de actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego de Tabeirós ao seu paso polo concello da Estrada.

Os traballos execútanse en distintos tramos ao longo de algo máis de 180 metros, coincidindo co seu percorrido por distintos lugares deste municipio.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, o rego de Tabeirós queda despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, de competencia da Xunta.

Estas intervencións contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2024