A Xunta e o concello da Guarda acordan construír o novo Centro Integral de Saúde na zona das Coutadas

O acordo sobre os terreos, próximos á base do GES, dá resposta á solicitude dunha parcela para este fin demandada pola Xunta ao Concello en novembro de 2021

O novo Centro Integral de Saúde da Guarda permitirá integrar no mesmo edificio os servizos de fisioterapia e saúde bucodental ou a base do 061

A Guarda (Pontevedra), 5 de febreiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, acompañados do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a execución das obras de construción do novo Centro Integral de Saúde (CIS) da Guarda, contemplado na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta en novembro de 2021.

De xeito inmediato á aprobación do Plan, a Xunta remitiu a todos os concellos presentes no mesmo unha solicitude de parcelas para iniciar os trámites de construción nestes centros. O Concello da Guarda remitiu a súa proposta este mes de xaneiro tras varias reunións técnicas do actual equipo de goberno local con persoal do Sergas nos últimos meses, que validaron finalmente a proposta elixida polo Concello: uns terreos na zona das Coutadas, próximos á base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

Coa sinatura deste protocolo, o Concello da Guarda comprométese a modificar o plan urbanístico e a realizar os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames das parcelas necesarias para a construción do Centro Integral de Saúde coa cualificación urbanística idónea. Pola súa parte, o Servizo Galego de Saúde levará a cabo os trámites necesarios e as obras do novo Centro Integral de Saúde do concello. Neste momento, a sinatura deste protocolo dará cobertura ao goberno local para iniciar o proceso de adquisición do terreo e os trámites urbanísticos para poñer a disposición do Sergas a parcela coa cualificación necesaria.

Centro Integral de Saúde de referencia para o Baixo Miño

Os centros integrais de saúde son un modelo de centro sanitario que o Servizo Galego de Saúde quere promover para integrar atención primaria ordinaria (en todas as súas categorías), a atención urxente e distintos servizos especializados. É un modelo que está a desenvolverse en cidades como Lugo ou Vigo, pero que tamén se estendeu a comarcas como a do Deza, coa construción en marcha do CIS de Lalín.

O Plan de Infraestruturas aprobado esta lexislatura permitiu, a través dun estudo elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, localizar os puntos que, concentrando máis poboación, estaban a máis distancia do seu hospital de referencia para valorar a construción dun CIS. Segundo os datos do Instituto, identificouse a comarca de Baixo Miño como unha zona óptima para un centro destas características e a Xunta elixiu A Guarda para a súa localización, dada a necesidade deste concello de renovar a súa infraestrutura sanitaria, cun centro que conta con máis de 30 anos de antigüidade e que necesita espazos para poder integrar servizos como fisioterapia ou saúde bucodental, actualmente separados do centro e localizados na Casa do Mar.

Deste xeito, o novo Centro Integral de Saúde suporá duplicar a superficie respecto ao actual, ao pasar de 1.904 m2 a máis de 4.156 m2 do novo, o que permitirá integrar os servizos de fisioterapia e de saúde bucodental ou a base do 061.

Plan funcional

Así, o plan funcional que a Xunta compromete desenvolver neste novo centro inclúe 16 consultas de adultos, 1 consulta de farmacia, área bucodental, despacho de traballo social, área de infecciosos, 6 salas polivalentes, sala de toma de mostras, área pediátrica con 8 consultas, área da muller con 1 consulta, área de fisioterapia, sala de educación sanitaria, 2 despachos de coordinación e área de radiodiagnóstico.

Tamén se desenvolverá a área de urxencias, onde se instalará o PAC con 2 consultas de medicina, 2 de enfermaría, sala de reanimación, sala de observación e dormitorios e vestiarios para o persoal; así como a base o 061.

Finalmente, haberá unha área de especialistas con 4 consultas para que profesionais da área sanitaria de Vigo se poidan desprazar para dar atención máis próxima á veciñanza da comarca do Baixo Miño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2024