As probas do grupo auxiliar da función administrativa do Sergas achéganse ao 70% de participación

Das 7.790 persoas convocadas acudiron a súa realización do exame un total de 5.366 opositores (68’8% de participación)

Na tarde de hoxe, o departamento sanitario da Xunta habilitou un equipo informático específico para facilitar a realización da proba por parte dunha persoa con cegueira

A convocatoria do Servizo Galego de Saúde oferta hoxe 318 prazas do grupo Auxiliar da función administrativa

Na quenda de mañá tiveron lugar os exames das categorías de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica -matrona-; Técnico superior de imaxe para o diagnóstico; Técnico de xestión dos sistemas e tecnoloxías da información, terapeuta ocupacional

Mañá domingo, continuarán as probas selectivas do Sergas con máis de 8.900 persoas convocadas, e entre as que destaca a oferta de 306 prazas de celador/a

Silleda (Pontevedra), 3 de febreiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta tarde o Recinto Feiral Internacional de Galicia (Silleda), onde tivo lugar a realización dos exames de acceso para a categoría de Auxiliar da función administrativa do Servizo Galego de Saúde. Neste procedemento, participaron un total de 5.366 persoas, das 7.790 persoas convocadas (68’8% de participación).

Na tarde de hoxe, o Sergas ofertou un total de 318 prazas para a categoría de auxiliar de administrativo. Estas engádense ás dos exames realizados esta mañá: con 46 prazas para a categoría de enfermería especialista en enfermería Obstétrico-Xinecolóxica -matrona- ; 12 de técnico/a superior en Imaxe para o diagnóstico; 1 de técnico/a en xestión de sistemas e tecnoloxías da información e a6 de terapeuta ocupacional.

No conxunto da xornada de hoxe -quendas de mañá e tarde-, o Sergas convocou un total de 9.408 persoas ás probas selectivas para o acceso a estas cinco categorías do sistema sanitario público galego. Así, as probas do sábado sáldanse coa participación de 6.748 nas probas do Servizo Galego de Saúde.

Durante as probas desta tarde, o Sergas habilitou un espazo para facilitar a realización do exame por parte dunha persoa con cegueira. Así, a Xunta de Galicia habilitou no Recinto Feiral de Silleda un ordenador dotado cun programa específico no que, mediante o uso do seu teclado, esta persoa puido escoitar as preguntas do seu exame, e así completar a proba.

9.000 opositores convocados o domingo

Na xornada de mañá domingo, e tamén a partir das 9,00 horas, están convocadas un total de 8.969 persoas para participar nos exames das categorías de Enfermeiro/a especialista en enfermaría de Saúde Mental (31 prazas ofertadas); Enfermería especialista en Pediatría (32 prazas ofertadas); Enxeñeiro/a técnico/a (10 prazas) e Odontólogo/a de Atención Primaria (17 prazas ofertadas).

Xa na quenda de tarde, o domingo destaca a realización das probas na categoría de Celador/a, e nas que un total 8.300 aspirantes se examinarán para acceder ás 306 prazas que o Servizo Galego de Saúde ten ofertadas.

Medidas organizativas no desenvolvemento das probas

Cómpre lembrar que na organización destes procesos selectivos non se realiza o chamamento dos aspirantes. Así, todos os aspirantes teñen á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/ expedient-e), desde a data de publicación da data do exame no Diario Oficial de Galicia, até a acreditación persoal con código QR.

Á hora de inicio das probas os aspirantes acércanse á porta que teñen asignada co código QR que debe levar impreso e acreditando a súa identidade acceden ao exame. Con esta medida axilízase a entrada ao recinto, evitando aglomeracións innecesarias.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2024