O conselleiro do Medio Rural realizou esta mañá unha visita técnica a este polígono, que mobiliza unha superficie de 67,88 hectáreas

A Xunta avanza nos traballos para a posta en marcha do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, no concello de Cerdedo-Cotobade

O polígono, no que xa se completaron os traballos de roza, abrangue unha superficie de 67,88 hectáreas, distribuídas en 1.534 parcelas dun total de 278 propietarios

Actualmente estase a levar a cabo a investigación da titularidade e a revisión do parcelario, que permitirá actualizar o catastro e poñer en produción este espazo, cuxa orientación produtiva serán os cultivos leñosos e sistema agroforestal
 

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 3 de  febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, realizou esta mañá unha visita técnica ao polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, situado neste municipio pontevedrés.

O polígono agroforestal, no que xa se completaron os traballos de roza, abrangue unha superficie de 67,88 hectáreas, distribuídas en 1.534 parcelas de 278 propietarios. Segundo sinalou o conselleiro, actualmente estase a levar a cabo a investigación da titularidade e a revisión do parcelario. Este proceso permitirá actualizar o catastro e poñer en marcha esta ferramenta, cuxa orientación produtiva será para cultivos leñosos -por exemplo mazá de sidra- e sistema agroforestal.

Nestes intres, explicou o conselleiro, este polígono agroforestal atópase en traballos de levantamento topográfico. Os técnicos están a realizar labores de levantamento de infraestruturas comúns, límites físicos e elementos naturais, para posteriormente analizar cos titulares as posibles discrepancias detectadas entre a cartografía existente e a realidade física das parcelas incluídas dentro do perímetro do polígono.

Para isto, resaltou, levaranse a cabo reunións informativas coas persoas titulares dos predios cos que non se contactara anteriormente co fin de recoller os seus datos e a documentación acreditativa da titularidade das parcelas incluídas nos perímetros dos polígonos agroforestais.

Lei de recuperación da terra agraria

Actualmente hai 29 polígonos agroforestais en distintas fases de execución en toda a comunidade -o do concello ourensán de Oímbra será, no primeiro semestre do ano, o primeiro en entrar en funcionamento-. Así, José González lembrou que os polígonos agroforestais forman parte da Lei de recuperación da terra agraria, que entrou en vigor en maio de 2021, que ten como obxectivo a posta en valor de terra infrautilizada ou en abandono, co fin de recuperala de xeito sustentable; creando actividade agrogandeira, fixando a poboación e anticipando os incendios forestais.

Esta norma tamén contempla outro tipo de instrumentos, como as agrupacións forestais de xestión conxunta, as permutas de especial interese agrario ou as aldeas modelo, das cales hai 21 distribuídas por toda Galicia -a de Mouteira-Parada atópase neste mesmo concello de Cerdedo-Cotobade-.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2024