Xunta, concello de Cerdedo-Cotobade e ANPA celebran que o alumnado do IES Cotobade cursará o Bacharelato no Xunqueira II
O delegado territorial anunciou a adscrición do IES Cotobade ao IES Xunqueira II, algo que, segundo asegurou, reverte directamente a favor do estudantado
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, reuniuse esta mañá co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, coa ANPA do IES Cotobade e co seu director, José Luis Amurio, para analizar a adscrición deste centro ao Bacharelato do IES Xunqueira II.
Trátase dunha medida demandada polas familias dos preto de 140 alumnos que ten o IES Cotobade e que finalmente foi posible grazas ao empeño e traballo conxunto de todas as partes implicadas, logo da tramitación a través da Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra co informe favorable da Inspección Educativa.
Grazas a este acordo o alumnado conta cunha maior seguridade e tranquilidade, algo que segundo explicou o alcalde “aforra tempo, traballo e burocracia ás familias”.
Pola súa banda, o delegado territorial mostrouse “moi satisfeito por ter conseguido dar solución a unha demanda das familias”. Reguera rematou agradecendo a “boa vontade” e a “colaboración prestada tanto polo equipo directivo como polo Concello de Cerdedo-Cotobade, algo que facilitou e axilizou un feito que vai reverter directamente a favor do estudantado”.