A Xunta remata as obras da oficina rural de Monterroso, que contaron cun orzamento de 198.853 euros

Leváronse a cabo diferentes actuacións vencelladas coa renovación do interior da oficina, a carpintaría exterior e a instalación eléctrica

Esta reforma, incluída no Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, permite ofrecer unha mellor atención á cidadanía e aos traballadores da propia oficina

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2024

A oficina rural do concello lucense de Monterroso vén de rematar as súas obras de reforma, que contaron cun investimento de 198.853,29 euros.

Neste sentido, leváronse a cabo traballos para acondicionamento do interior da oficina e renovación da carpintaría exterior; así como da instalación eléctrica para que poida soportar un novo sistema de aerotermia. Ademais, instalouse un punto de carga para vehículos eléctricos.

O obxectivo desta actuación, incluída no Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, é ofrecer unha mellor atención á cidadanía e aos traballadores da propia oficina. Nela, préstanse atención xeral á cidadanía nas materias da súa competencia, ademais de servizos agrarios e veterinarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2024