A Xunta destinará 1,5 millóns de euros para colaborar cos concellos na elaboración de estudos integrais da rede viaria municipal, co fin de facilitar novas intervencións

Este investimento forma parte dos 19,5 millóns de euros convocados para o Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025

Esta análise ten como fin priorizar aquelas intervencións relacionadas coa ampliación, mellora e/ou mantemento da rede viaria existente, co fin de facilitar o tránsito de insumos e/ou de produtos entre as explotacións agrogandeiras e os mercados

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

A Xunta destinará 1,5 millóns de euros para a elaboración de estudos integrais da rede viaria municipal. Este investimento forma parte dos 19,5 millóns de euros convocados para o Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025. A medida púxose en valor nunha reunión con representantes municipais, na que se lles invitou á realización deste estudo.

Esta análise ten como fin priorizar, de cara a futuras actuacións con cargo aos orzamentos da comunidade autónoma, aquelas intervencións relacionadas coa ampliación, mellora e/ou mantemento da rede viaria existente, co fin de facilitar o tránsito de insumos e/ou de produtos entre as explotacións agrogandeiras e os mercados, reducir os custos de explotación, así como minimizar os desprazamentos e mellorar as condicións de vida da poboación rural.

Tendo en conta o anterior, ao abeiro do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2024-2025 prevese como gasto subvencionable o correspondente á redacción dun estudo integral da rede viaria dos concellos, que terán ata 10.000 euros de axudas. O contido deste estudo poderá terse en conta para determinar a subvencionabilidade de futuras intervencións que xestione a Consellería do Medio Rural.

Obxectivo e criterios

A xestión continua no tempo deste plan de camiños dende o ano 2013 puxo de manifesto a necesidade de que os concellos planifiquen as distintas intervencións co fin seguir optimizando os recursos públicos de cara a un desenvolvemento ordenado da rede viaria municipal a partir dunha análise da rede existente.

A clasificación e prioridade das vías municipais farase en función de criterios como o tipo de firme, estado actual, entidades de poboación e poboación ás que da acceso,   explotacións agrogandeiras ás que da servizo, conexión con outra estrada de superior categoría e continuidade noutro concello limítrofe. Esta información deberá reflectirse nun sistema de información xeográfica segundo unhas instrucións técnicas que estarán dispoñibles para os técnicos municipais.

Por outra banda, aqueles concellos que soliciten financiamento para redactar este estudo poderán ser priorizados en futuras convocatorias de axudas que xestionen tanto a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural destinadas á mellora da rede viaria municipal.

Orzamento do Plan Marco

O orzamento total está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns para 2024 e 9,99 millóns para 2025. Este crédito está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) da medida 0431 do PDR Galicia 2014-2020, nun 7,5% por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 17,5% por fondos propios da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2024