A Xunta prorroga o convenio de protección das aldeas, dotándoo cun orzamento de 12,25 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se lle dá continuidade ao convenio entre a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga)

A día de hoxe, están adheridos ao convenio de protección un total de 283 concellos, é dicir, o 90,41% dos municipios galegos

Este sistema busca contribuír e garantir a prevención de incendios forestais, para que deste xeito se acade unha diminución do número de lumes nas zonas de interface urbano-forestal
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se publica a prórroga do convenio de protección das aldeas, nado da colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública de Servicios Agrarios de Galicia (Seaga) en materia de prevención e defensa contra incendios no ano 2018. Así, esta addenda amplía un orzamento que, en total, chegará neste ano aos 12.250.000 euros.

O goberno autonómico achegará os 7.750.000 euros a través de dúas addendas. Unha aprobada a finais de novembro con 5.425.000 euros, unha dotación que se completará no mes de marzo cunha segunda incorporación orzamentaria de 2.325.000 euros. Pola súa parte, as entidades locais contribuirán cos restantes 4.500.000 euros, para poder levar a cabo as actuacións no marco do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Neste senso, cabe lembrar que a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece o procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas e indica que son as persoas propietarias as que teñen a obriga de manter xestionadas as franxas secundarias e, de non ser así, será o organismo municipal o que proceda á súa execución de forma subsidiaria.

A día de hoxe están adheridos a este convenio de protección das aldeas un total de 283 concellos (o que representa o 90,41% dos municipios totais). Con respecto ao pasado ano, sete concellos máis uníronse a este convenio.

Este sistema busca contribuír e garantir a prevención de incendios forestais, para que deste xeito se acade unha diminución do número de lumes nas zonas de interface urbano-forestal, o que repercute no interese público polo que supón para a seguridade das persoas e dos bens.

Ligazón á resolución no DOG:
Data de actualización: 02/02/2024