A Xunta dá o último paso para adxudicar sen oposición 72 prazas fixas de pediatría en atención primaria e hospitais comarcais

O Sergas publicou hoxe a relación de aspirantes que obtiveron praza nos concursos de méritos co obxecto de efectuar o proceso de elección de praza e que poidan tomar posesión das prazas adxudicadas no mes de marzo

Presentáronse un total de 181 para cubrir 60 prazas de atención primaria e 12 de hospital comarcal

Galicia é pioneira neste sistema de acceso para prazas consideradas de difícil cobertura
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

O Servizo Galego de Saúde publica hoxe, na súa páxina web, a relación de profesionais de pediatría que obteñen praza en dous procesos selectivos por concurso de méritos, 60 prazas para atención primaria e 12 para hospitais comarcais (1 por quenda de discapacidade e 3 por promoción interna).

Unha vez publicada a próxima semana no Diario Oficial de Galicia a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, abrirase un prazo de 10 días para que as persoas aspirantes soliciten destinos e aporten a documentación correspondente. Tralo preceptivo proceso de comprobación da documentación e solicitude de subsanación de emendas, o Sergas elaborará a resolución final de adxudicación destas 72 prazas, que será remitida ao DOG previsiblemente a comezos do mes de marzo para abrir, a partir de entón, o prazo de toma de posesión destes 72 profesionais nas súas novas prazas fixas.

A convocatoria establece un procedemento que permite que, no suposto de non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido dalgún aspirante seleccionado, a Administración sanitaria poida seleccionar a novos aspirantes, atendendo á puntuación que resulte da lista definitiva do proceso entre aqueles aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.

Neste proceso, o número de persoas presentadas é de 106 na categoría de pediatra de atención primaria e 75 na de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, facendo un total de 181 solicitudes.

Coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades, en Galicia aprobouse, en outubro de 2022, a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega. O acceso sen proba de exame, resulta da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.

A distribución das prazas a elixir pode consultarse no seguinte enlace.

Cobertura de máis de 100 prazas de medicina de familia

Polo mesmo sistema de concurso, esta semana comezou a incorporación de 42 médicos de familia de atención primaria e de 64 facultativos especialistas de atención primaria. Así, o Sergas consegue incorporar 106 médicos de atención primaria con carácter fixo.

Con este proceso, complétase a estabilización por concurso de méritos na categoría de médico de familia. Previamente, incorporouse o persoal de enfermería por concurso de méritos de estabilización, sendo Galicia a primeira nos procesos de estabilización.

Data de actualización: 02/02/2024