A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á clausura e entrega de diplomas deste programa organizada pola Asociación de Empresas de Redondela

A Xunta felicita á xente moza que completou as estadías formativas do Xuventude Mentoring na empresa

Cristina Pichel subliñou os avances dos últimos anos en Galicia para ofrecer á mocidade máis oportunidades para abrirse camiño no mercado laboral

Redondela (Pontevedra), 2 de febreiro de 2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, felicitou hoxe á xente nova que completou con éxito as súas estadías formativas nas compañías da Asociación de Empresas de Redondela que participaron no programa Xuventude Mentoring na Empresa. Cristina Pichel tamén agradeceu a implicación dos negocios e establecementos nesta iniciativa, coa que se melloran as competencias e habilidades profesionais de mozas e mozos entre os 18 e 30 anos de idade.

As instalacións de New Balance Ibérica acolleu esta maña o acto de clausura e entrega de diplomas aos participantes neste programa. A directora xeral destacou os avances acadados nos últimos anos en Galicia para ofrecer á xuventude máis oportunidades para abrise camiño no mercado laboral.

Cristina Pichel explicou que a través do Xuventude Mentoring e o Xuventude Mentoring na empresa axúdase á mocidade a entrar no mercado laboral, poñendo á súa disposición acompañamento e asesoramento personalizado a cargo de mentores, formación específica para mellorar as súas condicións para atopar un emprego, a posibilidade de visitar empresas para ampliar a súa rede de contactos e de facer prácticas remuneradas nas compañías e entidades que colaboran con esta proposta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024