A Xunta remata a parcelaria de Lago-Meirás-Val, no concello coruñés de Valdoviño, tras reorganizar unha superficie de case 1.190 hectáreas

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá no acto de entrega dos títulos de propiedade aos 2.060 veciños propietarios das fincas desta parcelaria

Esta actuación supuxo un investimento de algo máis de 3 millóns de euros e permitiu pasar de 7.450 parcelas a 3.166 fincas, duplicando o tamaño medio dos predios, ao aumentar a superficie media de 1.594 metros cadrados a 3.750
 

Valdoviño (A Coruña), 2 de febreiro de 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria Lago-Meirás-Val, nesta localidade coruñesa.

Este proceso de reestruturación da propiedade abrangueu unha superficie de case 1.190 hectáreas, pertencentes a 2.060 veciños, e contou cun investimento de 3,05 millóns de euros para as asistencias técnicas e obras dos camiños principais, secundarios e outras obras complementarias. Ademais, esta actuación permitiu concentrar 7.450 parcelas en 3.166 fincas, duplicando o tamaño medio dos predios, ao pasar 1.594 metros cadrados a 3.750.

As parcelarias seguen a ser unha das mellores ferramentas para potenciar o valor das terras. Por iso, as novas concentracións contan cunha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Xunto ás concentracións parcelarias, a Lei de recuperación da terra agraria aposta por mecanismos de mobilización voluntaria que permiten unha maior participación dos interesados da explotación das terras. Ferramentas coma os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupación de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario.

Todo isto, estase a facer co obxectivo de mellorar a estrutura territorial da nosa comunidade e favorecer a un futuro rendible e sustentable das explotacións agropecuarias que viven nel.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024