A Xunta pon en valor os proxectos innovadores que propoñen solucións para os retos do futuro no sector agrario

José González resaltou a vintena de proxectos presentados, entre os que se atopaba a iniciativa europea AgrifoodTEF na que participa o Goberno galego e coas que se pretende incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario
 

Ademais, o conselleiro lembrou a importancia da remuda xeracional para a que se conta cunha liña de axudas para a incorporación de mozos á actividade agrogandeira, cuxo prazo de solicitude está aberto
 

Nesta liña, resaltou ferramentas para a innovación e o desenvolvemento do campo produtivo como é a Lei de recuperación da terra agraria, que ten mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie
 

Boqueixón (A Coruña), 2 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe no IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario celebrado ao longo desta xornada no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón.

Na súa intervención neste foro organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o conselleiro puxo en valor as iniciativas presentadas -unha vintena de proxectos-, que cualificou de “verdadeiramente innovadoras” que buscan resolver os problemas do presente ao mesmo tempo que tratan de sentar un antecedente das solucións aos retos do futuro. 

O foro presentou 20 proxectos innovadores relacionados con diversos eidos do sector agrario, dende o lácteo ao vitivinícola, pasando polas razas autóctonas ou os produtos ecolóxicos. O conselleiro destacou que este espazo de encontro sirve para dar a coñecer os principais resultados das iniciativas presentadas, que estiveron financiadas ao abeiro das axudas para o apoio a proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías de 2021 e que se finalizaron no pasado ano. 

Mellorar a competitividade

O titular do Medio Rural resaltou que o avance na innovación e na mellora da competitividade do sector agrario é posible grazas a proxectos como os presentados neste foro, no que se buscan aqueles que mellor poidan encaixar coas demandas e necesidades do sector. Ademais, destacou o proxecto europeo AgrifoodTEF (Testing and Experimenting Facilities), co que se traballa para incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario e no que a Xunta participa “con decisión, iniciativa e liderado”.

Neste foro, o conselleiro tamén quixo poñer de manifesto o esforzo formativo e investigador a través dos centros de formación e experimentación agraria, así como os centros de investigación agraria. A isto engadiulle as estratexias sectoriais polo compoñente innovador da planificación a curto, a medio ou a longo prazo, co obxectivo común de impulsar os principais eidos produtivos do agro galego. 

Remuda xeracional

O conselleiro do Medio Rural incidiu en que innovar tamén significa impulsar a remuda xeracional para que a mocidade se incorpore ao sector agrario. Nesta liña destacou as axudas para apoiar a incorporación dos mozos á actividade agrogandeira, que teñen aberto o prazo de solicitude ata o 22 de marzo. Isto, sinalou, favorece un verdadeiro rexuvenecemento da poboación activa agraria a través do fomento do emprego no sector primario co fin último de fixar habitantes no rural.

Sobre esta liña de axudas, José González explicou que se suman os coñecidos como plan de melloras e as achegas para pequenas explotacións que, no seu conxunto coa de incorporación de mozos, conta cun orzamento de 44 millóns de euros na convocatoria deste ano, á que se suma por primeira vez unha achega destinada para persoas de entre 41 e 55 anos, dotada con tres millóns de euros.
Ademais, segundo detallou, o relevo xeracional no agro complétase con outras dúas novas liñas de axuda, con 500.000 euros especificamente para a remuda xeracional e outros 2 millóns para investimentos non produtivos. 

Lei de recuperación da terra agraria

O conselleiro aproveitou a súa intervención no IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario para destacar ferramentas para a innovación e o desenvolvemento do campo produtivo como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitiu mobilizar arredor de 10.000 hectáreas en toda a comunidade grazas a 21 aldeas modelo e 29 polígonos agroforestais -en distintas fases de execución- como base de proxectos para a posta en valor da terra agraria.

Ademais, o conselleiro tamén resaltou outras ferramentas como o Plan de Pastos de Galicia, o Programa de recuperación de soutos tradicionais e de produción de castaña ou o Plan Forestal, que permite unha xestión forestal activa como mecanismo para conseguir un territorio sustentable e resistente. Finalmente, falou da Lei da calidade alimentaria recentemente aprobada para protexer, defender e promocionar os produtos con selo de calidade diferenciada. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024