A Xunta e o concello de Ferrol formalizan o convenio para a materialización do proxecto Ferrol Cidade Do Deporte

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde José Manuel Rey Varela asinaron hoxe o documento

Realizarase un investimento conxunto 18 millóns de euros para a renovación de instalacións deportivas na cidade e a creación dunha nova pista polideportiva na contorna rural
 

Ferrol, 2 de febreiro de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinaron hoxe o acordo para o desenvolvemento do proxecto Ferrol Cidade do Deporte. A iniciativa conta cun orzamento de 18 millóns de euros, que serán cofinanciados a partes iguais por ambas as administracións entre 2024 e 2027, para mellorar e poñer en valor as infraestruturas deportivas ferrolás. O obxectivo é fomentar o deporte entre a poboación do concello e da súa contorna, así como facilitar a súa práctica en todos os niveis.

O principal eixe de actuación concéntrase na enseada da Malata, con sete instalacións principais. Trátase do estadio do Racing Club de Ferrol; as pistas de skate; o recinto feiral FIMO; o campo de rugby, a pista de atletismo e as pistas de tenis; e o pavillón. Nestas instalacións prevense obras de reparación de carácter global, tanto no interior como no exterior, así como a rehabilitación de edificios e a mellora da súa accesibilidade.

Na contorna da Malata, en concreto na Cabana, proxéctase rehabilitar a cidade náutica, coa adecuación dos edificios e a instalación de dous embarcadoiros, así como a reparación do pavimento da súa pista polideportiva.

Ademais destas instalacións, preténdese reformar outras na contorna urbana do concello para adecualas ás novas necesidades e á normativa. Trátase do campo de fútbol de Caranza, o complexo deportivo da Gándara e os pavillóns polideportivos de Santa Mariña, o Ensanche e a Casa do Deporte, así como a piscina de Caranza. 

A maiores, para promover a actividade deportiva na contorna rural, crearase unha nova pista polideportiva cuberta en Mandiá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024