A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou este acordo coa asociación COXAPO, que integra máis de 200 comunidades de usuarios de 30 concellos

A Xunta e a asociación de traídas veciñais asinan o convenio para o fomento da transformación dixital das comunidades de usuarios e a formación dos seus membros

Augas de Galicia financiará esta iniciativa achegando máis de 23.300 €

O persoal de Augas de Galicia colaborará coa asociación no desenvolvemento de actividades de transformación dixital, formativas e divulgativas e en materia da auga

Esta formación facilitará a xestión dun programa informático que permitirá controlar as referencias de subministro, os consumos de cada usuario ou a lectura dos contadores

A Xunta publicou a semana pasada no DOG a convocatoria de axudas para a mellora das traídas veciñais, cun orzamento de 500.000 €, cuxas solicitudes se poden presentar ata o 26 de febreiro

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

A Xunta e a asociación de traídas veciñais COXAPO veñen de asinar un convenio de colaboración para o fomento da transformación dixital das comunidades de usuarios e a formación dos seus membros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou este acordo co presidente da asociación COXAPO, Juan Joaquín Pousa Fernández. Esta asociación integra a máis de 200 comunidades de usuarios de 30 concellos.

No que se refire ás obrigas recollidas no acordo asinado, Augas de Galicia financiará esta iniciativa achegando máis de 23.300 €.

COXAPO integra a varias comunidades de usuarios co obxectivo do aproveitamento das augas procedentes de mananciais e a condución ata as vivendas ou parcelas de rega.

Neste sentido, o convenio asinado pretende formar aos membros das comunidades de usuarios para facilitar a xestión nos sistemas de abastecemento, que poden resultar complexas, e acadar unha maior eficiencia na prestación do servizo.

O persoal de Augas de Galicia colaborará no desenvolvemento de actividades de transformación dixital, formativas e divulgativas en materia de abastecemento da auga.

Esta formación favorecerá que a asociación optimice os resultados do traballo cun programa informático que permitirá controlar as referencias de subministro, visualizar os gastos e consumos de cada usuario ou ler os contadores a través dun dispositivo portátil.

Axudas para a mellora das traídas veciñais

A Xunta publicou a semana pasada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas para mellorar as instalacións das traídas veciñais, cun importe de 500.000 €. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 26 de febreiro.

Estas subvencións cubrirán as actuacións de mellora do estado das instalacións de captación, potabilización, almacenamento ou a colocación de dispositivos de medición de caudais das traídas que se realicen desde o 1 de xaneiro deste ano. Cabe citar a mellora nas arquetas de captación ou a protección dos pozos, a mellora dos sistemas de filtración e desinfección, a mellora dos depósitos de almacenamento ou a instalación de caudalímetros, entre outros.

O importe dos incentivos acadará o 80 % do investimento subvencionable, cun máximo de 15.000 € por solicitude. Un 65 % do crédito dispoñible resérvase para comunidades de usuarios de máis de 50 membros; e o outro 35 % restante, para comunidades de usuarios máis pequenas, de ata 50 membros.

Na actualidade, existen máis de 600.000 persoas en Galicia que empregan solucións autónomas para abastecerse, sexan veciñais ou individuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024