O conselleiro do Medio Rural e o presidente da Deputación de Ourense mantiveron hoxe un encontro cos representantes deste colectivo en Xinzo de Limia

A Xunta insiste en reclamar ao Goberno central un esforzo adicional no financiamento da modernización do regadío da Limia para evitar sobrecustos aos regantes

José González trasladou de novo a desconformidade do Goberno galego co actual enfoque, algo que xa transmitiu tamén no marco da Conferencia Sectorial de Agricultura e esta mesma semana, por carta, ao ministro Luis Planas

Demandou ao Ministerio que asuma o 80% do IVE da actuación (5,8 millóns), ademais de liberar aos regantes dos custes financeiros (que supoñen outros 2 millóns)

O conselleiro ve esta petición “completamente lóxica”, tendo en conta que o consignado para A Limia é o 1,5% do que o Executivo destinará ao Plan de Regadíos en España, e que esta é a única actuación potencialmente beneficiaria en Galicia

Amosou a disposición da Xunta e da Deputación a facer fronte ao 20 % restante do IVE, como parte do seu compromiso coa Limia, que xa se plasmou no financiamento de 40 pozos e o sistema de bombeo -aos que esta tarde realizou unha visita técnica-

Xinzo de Limia (Ourense), 2 de febreiro de 2024

A Xunta insiste en reclamar un cambio no modelo de financiamento do proxecto de modernización do regadío da Limia para evitar que os regantes teñan que asumir un sobrecusto dentro da súa aportación a esta iniciativa. Así o reiterou esta tarde en Xinzo o conselleiro do Medio Rural, José González, quen xunto ao presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro con representantes da comunidade de regantes Nova Limia -encabezada polo seu presidente, Amador Saburido- e os alcaldes dos concellos beneficiarios deste proxecto -Amador Díaz (Xinzo), Susana Vázquez (Porqueira) e Emilio Pazos (Trasmiras)-.

Nesta liña, o conselleiro manifestou de novo o apoio da Xunta ós regantes e a este proxecto, xa referendado nun investimento de case 7 millóns de euros con fondos propios do goberno autonómico que permitiu instalar corenta pozos e o sistema de bombeo -instalacións nas que realizou esta tarde unha visita técnica-. Ao mesmo tempo, amosou a súa preocupación pola orientación financeira establecida polo Ministerio de Agricultura a esta iniciativa, “que claramente prexudica os intereses deste colectivo”.

Así, lembrou que os regantes tiñan, en principio, a perspectiva de afrontar o 20 % dun orzamento inicial de 15,9 millóns de euros mais IVE, que foi o importe polo que se firmou o primeiro convenio. Porén, coa segunda addenda, o custo da modernización vaise a un total de 35 millóns de euros máis o correspondente IVE.  Ademais, José González advertiu que a esta cantidade téñense que engadir unha serie de custos adicionais que terán que afrontar os regantes, entre os que destacan os custos financeiros do aval que se require para a execución do proxecto, que supoñen preto de 2 millóns de euros máis.

Este escenario, lembrou o conselleiro, tradúcese en que Goberno hoxe está a asumir o 80% da actuación (28 millóns), e os regantes terían que desembolsar o restante 20% (7 millóns), xunto co IVE e os custes financeiros da operación.

Desconformidade co actual modelo de financiamento

Por todo isto, José González trasladou, unha vez máis, a desconformidade do Goberno galego con este enfoque, algo que -sinalou- xa transmitiu tamén no marco da Conferencia Sectorial de Agricultura e esta mesma semana, por carta, ao ministro Luis Planas, quen acudiu o pasado día 19 á presentación da sinatura da segunda addenda.

Neste sentido, José González demandou fórmulas alternativas no modelo de financiamento, instando ao Goberno central a que valore a posibilidade de introducir un cambio normativo para que non se repercuta o IVE que non se pode deducir polos regantes, algo que beneficiaría o desenvolvemento destes proxectos no conxunto do Estado.

De non ser isto posible, engadiu o conselleiro, pídese ao Ministerio que asuma neste caso concreto o 80 % do imposto da actuación -é dicir, 5,8 millóns- que senón terían que pagar os regantes. Ademais, solicítase que non sexa necesario avalar as obras, co conseguinte aforro para os regantes de case 2 millóns de euros, sempre co obxectivo de evitar cargas económicas que non repercuten nunha mellora da actuación e facilitar a viabilidade do proxecto, remarcou o conselleiro. Nesta mesma liña, José González trasladou que xa se solicitou, por parte da Consellería, unha reunión coa Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seisa) para propor un cambio no sistema de financiamento que permita evitar os avais.

A Xunta e a Deputación asumirían o 20% restante do IVE da actuación

O conselleiro lembrou que o investimento actual para o regadío da Limia é apenas o 1,5% da partida prevista polo Goberno central neste Plan para toda España (2.344 millóns de euros), e que Galicia, polas súas condicións, só ten o regadío da Limia como potencial beneficiario do programa de modernización.

“Pedir que o Goberno asuma o IVE da actuación (5,8 millóns de euros máis), suporía un 0,3% máis do que investirá en toda España, non parece nada desorbitado. En total, destinarían aquí 35 millóns, que en realidade é o orzamento do proxecto sen contar con impostos e custes financeiros engadidos”, detallou o conselleiro.

“Sabemos que isto non o está a facer en outras rexións, pero o que estamos a pedir aquí é que o Goberno destine a Galicia o 1,8% do que executará no conxunto do Estado. Sinceramente, é unha demanda completamente lóxica”, aseverou José González, que ademais amosou a disposición da Xunta e da Deputación de Ourense a asumir o restante 20 % do IVE (que serían case 1,5 millóns de euros), para aliviar desa carga aos regantes. Un compromiso plasmado na alianza cos produtores desta comarca, traducida nos novos pozos de regadío e grupos de bombeo e instalacións de electrificación, ademais da mellora e reparación de vías ou o proxecto de limpeza das canles da comarca, asumido polo Goberno central trala xestión da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2024