A Xunta salienta en Ribadumia a aposta do grupo Bodegas Gallegas polo deseño para incrementar a súa competitividade

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou a bodega Rectoral do Umia, que co apoio do programa DeseñaPeme constrúe e deseña a marca dun novo albariño “premium”

O plan de deseño estratéxico inclúe unha análise do segmento e posicionamento máis adecuado do novo produto no mercado, establecendo así unha identidade de marca e unha estratexia de comunicación da mesma
 

Ribadumia (Pontevedra), 1 de febreiro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá a adega Rectoral do Umia, pertencente ao grupo ourensán Bodegas Gallegas, para coñecer o plan de deseño estratéxico que van implantar co apoio da Xunta de Galicia, a través do programa DeseñaPeme. A empresa investirá máis de 108.000 euros para desenvolver a construción e deseño de marca 360º que defina, posicione e comunique un novo produto que se introducirá no mercado.

Trátase do albariño “Silandeiro”, un viño singular, con fermentación en ovos de formigón, cultivado e elaborado con uvas seleccionadas da subzona do Salnés. O plan de deseño estratéxico inclúe unha análise do segmento e posicionamento máis axeitado para este novo produto no mercado, establecendo así unha identidade de marca e unha estratexia de comunicación da mesma. Definiranse as canles de comunicación máis adecuadas para a súa difusión, notoriedade e crecemento.

Ademais, como elemento principal de deseño, investigaranse materiais e novos desenvolvementos para crear un envoltorio final para a botella, que supoña unha mellora na sustentabilidade respecto ás embalaxes que se están usando agora e que siga os criterios gráficos e de deseño establecidos na identidade de marca.

O programa DeseñaPeme apoia accións para conceptualizar e deseñar novos produtos, servizos e experiencias, así como mellorar a marca e identidade corporativa destas pemes. O obxectivo é promover a cultura da innovación continua e sistemática nas pemes galegas e, deste xeito, aumentar a súa competitividade.

A convocatoria de 2024 desta liña de apoios publicarase o vindeiro 13 de febreiro no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estanse a celebrar xornadas informativas nas catro provincias galegas para explicar as súas novidades. A próxima será mañá, venres 2 de febreiro, en Vilagarcía de Arousa, e a seguinte o martes 6 de febreiro en Ferrol.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2024