Máis de 1.300 nenos e nenas competiron no cross provincial Xogade de Pontevedra

O delegado territorial destacou o crecemento do programa Xogade e sinalou a importancia do deporte no correcto desenvolvemento físico e mental da mocidade

O evento deportivo reuniu a preto de media centena de centros educativos que involucraron a nenos e nenas dende segundo ata sexto de primaria
 

Portas, 1 de febreiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu hoxe a Portas onde máis de 1.300 nenos e nenas participaron na final do Cross Provincial Xogade.

A proba tivo lugar na contorna da antiga fábrica azucarera de Portas e contou cun percorrido de entre os 500 e os 1.400 metros dependendo da categoría. 

Os cativos e cativas de segundo a sexto de primaria puxeron a proba todo o mellorado nos adestramentos e competiron contra os seus compañeiros por alcanzar o primeiro posto. En total a proba involucrou a preto de media centena de centros escolares de toda a provincia.

Cabe destacar que esta iniciativa encadrase dentro do programa Xogade que busca levar o exercicio físico e a práctica deportiva aos centros escolares, ofrecendo unha alternativa cómoda e accesible ás familias que non teñen a oportunidade de fomentar o deporte fora do centro escolar. 

O delegado territorial sinalou o enorme avance de Xogade nos últimos anos e lembrou que “cada vez son máis os centros que se dan conta dos beneficios deste programa”.

Ademais, Reguera destacou o compromiso da Xunta de Galicia co deporte, “moi especialmente co deporte base”, e lembrou os seus beneficios, non só físicos, pero tamén mentais que aporta o exercicio físico: “Non podemos apostar todo o rendemento escolar do noso alumnado ao estudo e o esforzo intelectual, que por suposto teñen un papel fundamental. Para que a nosa mocidade creza e se desenvolva de forma adecuada e saudable hai que apostar pola famosa cita latina: “Mens sana in corpore sano”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2024