A Xunta adxudica a redacción do proxecto para executar unha glorieta na intersección da estrada AC-862 coa AC-115 en Xuvia, no concello de Neda

O contrato de redacción ten un orzamento de máis de 18.000 €
 

Trátase de redactar o proxecto para a reforma da intersección nas estradas AC-862 e AC-115 para aumentar a seguridade, a funcionalidade e a imaxe urbana da zona
 

A rotonda incrementará a fluidez do tráfico, que actualmente está regulado por semáforos que permiten todos os xiros e provocan demoras na circulación
 

A nova glorieta tamén facilitará a incorporación á estrada AC-862 desde un camiño estreito, mellorando así a visibilidade
 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto para executar unha nova glorieta na intersección da estrada AC-862 coa AC-115 en Xuvia, no concello de Neda. 

Este contrato foi adxudicado ao consultor Deseños Estruturais e Viarios, S.L. por un importe de máis de 18.000 euros. 

O proxecto que se redactará determinará a necesidade de ocupación de terreos para a execución da obra. Unha vez redactado, o proxecto someterase a información pública a efectos expropiatorios e de Lei de Estradas. 

O obxectivo é reformar a intersección entre a estrada AC-862 e a AC-115 co fin de aumentar a seguridade viaria, a funcionalidade e a imaxe urbana da zona. 

Actualmente existe unha configuración en "T" onde o tráfico está regulado por semáforos que permiten todos os xiros, polo que as demoras nas incorporacións dos vehículos alónganse. 

Debido á localización dos semáforos, que se colocaron onde o permitía o sobreancho necesario para que os vehículos pesados xiren á dereita, desde a AC-115 cara á AC-862, estes teñen que ocupar o carril contrario, o que condiciona a fluidez do tráfico nese punto, que se ve empeorada por esta circunstancia.  

A nova glorieta proxectada favorecerá a fluidez na circulación e facilitará a incorporación á estrada AC-862 dun camiño estreito, mellorando así a visibilidade.

 

Data de actualización: 01/02/2024