O DOG publica as axudas ao emprego para beneficiar unhas 175 cooperativas ou sociedades laborais cun orzamento de 5 M€

Con esta medida, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade busca dinamizar o emprego na economía social, con achegas básicas para a contratación de persoas en desemprego ou para quen emprenda no sector que parten dos 6.000 euros
 

As contías increméntanse no caso de que as persoas beneficiarias sexan mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas
 

Hai máis apoio tamén para as cooperativas de nova creación con 4 ou máis persoas socias ou de carácter xuvenil
 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberta ata o 16 de setembro a convocatoria anual das axudas Aprol Economía Social, hoxe publicada no DOG, que inclúe apoios ao emprego en cooperativas e sociedades laborais por valor de 5 millóns de euros. Con esta iniciativa, a Administración autonómica espera beneficiar unhas 175 entidades.  

A liña conta con 5 millóns de euros de orzamento, un 16% máis que en 2023, para fomentar o emprendemento e o emprego na economía social.

O programa conta con dúas liñas compatibles entre si: unha primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas; e unha segunda, para beneficiar a quen entre como socia ou traballadora indefinida a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia. Neste último caso, os apoios son compatibles co resto de liñas de impulso do traballo por conta propia que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos acumulables do 25% se se trata de mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou que as entidades se ubiquen en contornas rurais ou sexan cooperativas xuvenís.

A orde prevé desde o ano pasado que ese 25% extra se aplique no caso de cooperativas de nova creación que conten con 4 ou máis socios.

A Xunta de Galicia calcula incentivos máximos de ata 19.500 euros de acumularse algunha destas variables para ambas as dúas liñas.

O DOG publica hoxe tamén a resolución da convocatoria 2023 destes apoios que beneficiaron a 498 persoas e supuxeron un investimento de 5,1 millóns de euros.

Desde o ano 2017, a Xunta destinou case 28 millóns de euros nesta iniciativa, o que permitiu a incorporación de máis de 6.000 persoas a cooperativas e sociedades laborais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2024