A Xunta destaca no congreso gastronómico Madrid Fusión a potencialidade dos produtos alimentarios galegos

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, estivo hoxe presente na última xornada deste evento de gastronomía celebrado en IFEMA

Ao longo dos tres días, o espazo da Xunta contou con varias sesións de cociña e degustacións onde se harmonizaron os produtos do medio rural cos do mar, consolidando o plan de promoción galego dos alimentos con selos de calidade

Madrid, 31 de xaneiro de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe a última xornada do certame gastronómico Madrid Fusión Alimentos de España. Neste foro, puxo en valor a excelencia dos produtos alimentarios da nosa comunidade, que -salientou- se consolidan día a día coma uns magníficos embaixadores de Galicia e como referentes nas mellores cociñas.

 

Durante os tres días de celebración de Madrid Fusión Alimentos de España, o expositor da Xunta contou con sesións de cociña e degustacións elaboradas de forma harmonizada con produtos do medio rural e do mar, consolidando o plan de promoción galego dos alimentos con indicativos de calidade.

 

As demostracións de cociña tamén contaron cos viños das cinco denominacións de orixe galegas -Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras-, que acompañaron da man dun sumiller galego en cada un dos pratos preparados para salientar as características dos mesmos. Ademais, os viños presentes foron galardoados nas Catas de Galicia.

 

Nesta liña, José Luis Cabarcos destacou a “alianza estratéxica” establecida entre os produtores do sector primario galego e os mellores cociñeiros para poñer en valor toda esta riqueza, algo que se fai evidente en eventos como Madrid Fusión, centrados en potenciar a alta gastronomía a todos os niveis.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024