A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación do informe Retos e perspectivas económicas en Galicia para o ano 2024, elaborado por BDO

Lorenzana defende unha política económica de apoio á empresa para incentivar o investimento en Galicia

Salienta a necesidade de achegar seguridade xurídica e de desburocratizar para acelerar a tramitación de novos proxectos, e reivindica unha política enerxética vinculada ao sector industrial para abaratar o prezo eléctrico
 

Subliña o labor de asesoramento que fai a Oficina Económica de Galicia e as vantaxes do Plan de aceleración de proxectos industriais como “vía rápida” para a tramitación de investimentos
 

En relación ao informe, destaca o optimismo que se percibe no tecido empresarial galego, a pesar do contexto macroeconómico e internacional

Vigo, 31 de xaneiro de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe unha política económica de apoio á empresa para incentivar o investimento en Galicia e o asentamento de novos proxectos industriais. Así o manifestou na presentación do informe Retos e perspectivas económicas en Galicia para o ano 2024, elaborado por BDO.

Durante a súa intervención, Lorenzana salientou a necesidade de achegar seguridade xurídica e de desburocratizar para acelerar a tramitación de novos proxectos, e reivindicou unha política enerxética vinculada ao sector industrial para abaratar o prezo eléctrico. Con respecto aos fondos europeos, reiterou que “cada día que pasa que o diñeiro non está no tecido produtivo é un día perdido para a empresa”.

Neste contexto, subliñou o labor da Oficina Económica de Galicia, “porta de entrada única” para o asesoramento empresarial; e o plan de aceleración de proxectos industriais, que implica que calquera proxecto ten “unha vía rápida” para a súa tramitación e un único interlocutor que é a Secretaría Xeral de Industria.

Tamén adiantou que a Administración autonómica está traballando nun mapa industrial e en plans directores por sectores para detectar as necesidades en materia de solo industrial. E, finalmente, referiuse ás liñas de financiamento que ofrece a Xunta, ”adaptadas aos tempos” para “dar un financiamento alternativo e máis barato ao que pode dar hoxe en día unha entidade de crédito”. Nesta liña, citou o fondo público-privado que promove a sociedade Impulsa Galicia, do que dixo que dará saída a moitos proxectos transformadores e que se espera que estea activado “a partir da segunda metade do ano”.

En relación ao informe, destacou, tal e como se recolle, o optimismo que se percibe no tecido empresarial galego, a pesar do contexto macroeconómico e internacional. Segundo se reflicte, oito de cada dez empresas que participaron cren que a Galicia iralle igual ou mellor que ao resto de España (45,3%). Ningunha delas prevé que a súa evolución sexa negativa en 2024 e case seis de cada dez apuntan ao crecemento este ano. Tamén mencionou, neste punto, o rexistro de exportacións, que fan de Galicia a comunidade con mellor balanza comercial de España (máis de 8.470 M€) de xaneiro a novembro.

Lorenzana concluíu reiterando o compromiso da Xunta por “seguir apoiando os sectores nos que Galicia é líder, e a empresa, para que todo o cambio vinculado á sustentabilidade sexa capaz de facelo, de facelo ben e facelo rápido”, remarcou, tanto na parte vinculada á descarbonización como á sustentabilidade social e á retención de talento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024