O Parque Nacional das Illas Atlánticas oferta 130 prazas para realizar visitas guiadas nos catro arquipélagos esta primavera

A través do programa Descubrindo o Parque Nacional, a Xunta ofrece un total de sete rutas de temática histórica e ambiental durante os meses de febreiro, marzo e abril

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes de forma telemática no apartado de actividades da páxina web do parque ou fisicamente nas oficinas do Centro de Visitantes en Vigo
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia oferta preto de 130 prazas para realizar visitas guiadas aos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada esta primavera.

No marco do programa Descubrindo o Parque Nacional, a Xunta ofrece un total de sete rutas de temática histórica e ambiental durante os meses de febreiro, marzo e abril co obxectivo de dar a coñecer os principais valores e singularidades deste espazo natural protexido nunha época do ano distinta ao verán.

As rutas, con guía de balde para os participantes, desenvolveranse en grupos reducidos para ofrecer unha mellor calidade da visita aos espazos protexidos. Ao mesmo tempo, para garantir a participación do maior número de interesados, limítase a inscrición a unha actividade por persoa. Con todo, habilitarase unha listaxe de agarda coa que cubrir posibles baixas.

As persoas interesadas en participar no programa Descubrindo o Parque Nacional deberán reservar a súa praza no apartado das Illas Atlánticas da central en liña do Organismo Autónomo de Parques Nacionais ou directamente nas oficinas do Parque Nacional galego, no edificio Cambón de Vigo. As inscricións poderanse realizar desde mañá, xoves, 1 de febreiro, e o último día para anotarse a cada unha das rutas será catro xornadas antes da realización da mesma.

En canto ao transporte ás illas, farase a través das distintas embarcacións que se ofrecen, en función da illa a visitar, e o custo deberá ser sufragado polos participantes. O importe aboarase á empresa de transporte con anticipación, unha vez o parque lle envíe un correo electrónico cos datos de pago.

A temática das rutas é moi diversa; dende o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con O segredo dun bosque no mar, pasando polas rochas de Sálvora coas súas Esculturas e lendas e polos lugares pouco coñecidos de Ons coa ruta A illa e o mar, ata chegar á historia das Cíes a través da visita proposta baixo o título Viaxe no tempo. En todos os casos, son itinerarios recomendados para maiores de 12 anos.

A continuación, indícanse o calendario, portos de saídas e número de prazas por cada actividade:

Illa
Data
Ruta
Porto
Prazas
Ons
13 de abril

A illa e o mar

Bueu
20
20 de abril

A illa e o mar

Bueu
20
Cíes
17 de febreiro

Unha viaxe no tempo

Vigo
20
Sálvora
24 de febreiro

Unha illa de esculturas e lendas

O Grove
20
17 de marzo

Unha illa de esculturas e lendas

O Grove
20
Cortegada
3 de marzo

O segredo dun bosque no mar

Carril
15
7 de marzo

O segredo dun bosque no mar

Vilagarcía
12
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024